O concello de Mondoñedo prepara un amplo abano de actividades para conmemorar o centenario do pasamento do escritor mindoniense Manuel Leiras Pulpeiro.
As actividades principiarán este venres 6 de xullo ás 20.00 h. coa homenaxe ao autor de Cantares Gallegos cunha visita guiada o Centro Cultural da Alcántara.
De seguido, no Auditorio Municipal “Pascual Veiga”, terá lugar a presentación e entrega de trípticos do Roteiro Turístico-Cultural e Etnográfico “Leiras Pulpeiro”. Participarán neste acto Antón Veiga, Vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo; Orlando González Cruz, Alcalde do Concello de Mondoñedo; Amaia Goikoetxea, Departamento de Cultura do Goberno Vasco; e Luís Fernández Ansedes, Presidente da Asociación “Abrindo Camiño”.
Tras a presentación do Roteiro os escritores Antón Meilán, Ramón Reimunde e Xé Freire participarán na Mesa Redonda: Manuel Leiras Pulpeiro: Poeta verdadeiro e Home de ben, que presentará e moderará Fran Bouso, mestre e antigo directivo da Asociación “Leiras Pulpeiro”. Ao remate actuará a Coral “Mestre Pacheco” da Escola Municipal de Música de Mondoñedo.
Para o sábado 7 de xullo, en quendas de mañá e tarde, haberá visitas guiadas ao Centro de Interpretación do Camiño Norte de Santiago, á basílica de San Martín de Mondoñedo, ao Pico de A Frouxeira e á Torre Fortaleza do Mariscal Pardo de Cela (Alfoz ) (relacionadas coa obra de Manuel Leiras Pulpeiro).
Ás 20.00 h., e no Auditorio Municipal “Pascual Veiga” de Mondoñedo, desenvolverase unha xornada a carón do Camiño Norte de Santiago.
O domingo 8 de xullo terá lugar a inauguración e recorrido da Ruta Turístico- Cultural e Etnográfica “Leiras Pulpeiro”. A ruta estará guiada por Ramón Reimunde, Antón Meilán, Xe Freire, Fran Bouso, Jesús Chao e Abel Vigo. A saída terá lugar ás 10.00 h. desde a Oficina de Turismo de Mondoñedo.
Que non calen os eidos!
Por outra banda o concello de Mondoñedo organiza o ciclo Que non calen os eidos!, que dende o mes de xuño os grupos de teatro O Bordelo (Cervo), Ardora (San Cibrao), O Batán (Cangas), Raiolas(Alfoz) e A Adala representarán a obra As verbas do ramo polas diferentes aldeas do concello mindoniense.
Manuel Leiras Pulpeiro
Manuel Leiras Pulpeiro (1854-1912) nace e morre en Mondoñedo. Cursou Latín e Humanidades no Seminario da súa cidade e fixo os seus estudios universitarios en Madrid, licenciándose en Medicina en 1877. Republicano e liberal, manifestou abertamente os seus ideais e defendeunos ata a súa morte.
Escribiu un só libro, Cantares Gallegos, con cántigas de tipo popular e de temática costumista, patriótica e sátira anticlerical, onde eleva á categoría de mito a figura do Mariscal Pardo de Cela. Cantou a Mondoñedo e ás súas terras, a Galicia e ós seus problemas. Poucos anos despois da súa morte xuntáronse en Obras Completas as composicións que deixara inéditas, e en 1970 Xosé Luís Franco Grande publicou a Obra Completa de Leiras, recollendo outros inéditos. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no ano 1983.