O Auditorio de Afundación de Vigo acolleu o pasado sábado 9 de novembro a gala dos Premios da Crítica Galicia, que neste 2019 celebraron a súa cuadraxésima segunda edición, nas súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica.
Os premios celebráronse baixo o lema "Teñamos o valor de darnos o futuro", lembrando os versos do poeta Manuel Álvarez Torneiro, quen faleceu recentemente.
Pola parte máis literaria, foron premiados nestes Premios da Crítica Galicia Moncha Fuentes, pola súa novela O mar que nos leva (Xerais), e ao Festival de Poesía do Condado, nas categorías de Creación Literaria e de Iniciativas Culturais e Científicas, respectivamente.
O xurado de Creación Literaria salientou de O mar que nos leva "o seu carácter de obra inaugural coa que irrompe unha voz poderosa, que bebe da experimentación coa focalización para narrar desde a memoria, decantándose en parágrafos envolvente, co ritmo narrativo dunha maré imparable. Comezando cunha ferida do íntimo, a obra progresa cara ao colectivo e social até converterse na novela dunha xeración, expresada cun estilo brillante e unha abraiante madureza narrativa".
Pola súa banda, para o xurado do premio de Iniciativas Culturais e Científicas, o Festival de Poesía do Condado referiuse a ales como "un dos festivais de máis longa traxectoria no noso contexto que fai un traballo cultural de base desde o asociacionismo nunha vila e coa acción da contorna". O xurado sinalou igualmente que "é meritoria a atención que desenvolveu arredor das culturas poéticas peninsulares e ter feito do poético un espazo de encontro de xeracións e públicos diversos, así como unha liña de traballo comprometida cos debates sociais e unha posición crítica".
O resto de premiados foron Satélite LUME-1, Premio de Investigación; Xan Carballal, Premio de Música; Soledad Peralta, Premio de Artes Plásticas; Rut Balbís, Premio de Artes Escénicas; a serie Fariña, Premio de Cine e Artes Audiovisuais; e Lucía Freitas, Premio de Cultura Gastronómica.