María Xesús Lama ven de ser galardoada co Premio Estatal de Ensaio 2018 pola súa obra Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863) (Galaxia). O xurado do premio escolleu esta obra por “contribuír a revisar unha imaxe tópica de Rosalía de Castro ancorada nunha visión romántica e chorosa, mostrando a unha escritora lúcida, independente e defensora da liberdade, a igualdade e a xustiza social”.
Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863) é o primeiro volume da biografía de Rosalía de Castro, onde María Xesús Lama narra as súas orixes familiares e os seus anos de mocidade. Lama pescuda con rigor e admiración, con obxectividade non exenta de paixón, na vida da poeta en Galicia e Madrid nun tempo de ideais e de aprendizaxe para a mocidade que na segunda metade do século XIX decide intentar vivir da pluma. A autora aproveita as últimas descubertas da investigación filolóxica e histórica para afondar nas viraxes inesperadas que obrigan a poeta a regresar a Compostela coa carga dunha responsabilidades familiares que lle fan reconsiderar a orientación da súa vida.
María Xesús Lama (Lugo, 1964) estudou filoloxía Galego-Portuguesa e Filoloxía Hispánica na Universidade de Santiago de Compostela. Doutorouse na Universidade de Barcelona en 2002 cun traballo sobre a apropiación de temas das lendas celtas e de temas propios de Bretaña pola literatura galega contemporánea. Actualmente é profesora titular de Literatura Galega na Universidad de Barcelona.
Deste xeito, María Xesús Lama convértese na cuarta muller en lograr o Premio na historia do galardón e na segunda autora galega, despois de que Justo Beramendi o lograse no 2008 con De provincia a nación: Historia do galeguismo político (Xerais).