O xurado do Premio de Investigación e Ensaio Ramón Baltar Feijoo recoñece, na súa primeira edición, dúas obras ‘ex aequo’: Cantos de independencia e liberdade (Galaxia, 2017), de María Xesús Lama; e A nosa Terra é nosa!: A xeira das Irmandades da Fala 1916-1931 (Baía, 2016), de Emilio Insua.
O xurado destacou a alta calidade dos traballos presentados e salientou a á “relevancia do traballo” destas dúas obras premiadas. Está formado por Xosé Luís Axeitos, membro da RAG; Xosé Ramón Barreiro Fernández, historiador e ex presidente da RAG; María Xesús Pato, escritora; Alba Nogueira, profesora da USC; Ernesto Baltar, membro da familia Baltar Feijoo; ademais de Anxo Angueira e Xosé Carlos Beiró, presidente e secretario da Fundación Rosalía respectivamente.
A Fundación Rosalía de Castro convocou en abril a primeira edición do Premio de Investigación e Ensaio “Ramón Baltar Feijóo”, de carácter bianual, co obxectivo de contribuír ao fomento do estudo do período histórico relativo ao fondo documental que leva o seu nome e que foi depositado no Arquivo da Casa de Rosalía pola familia Baltar García-Peñuela. Este galardón pretende tamén honrar os valores de protección e mecenado da familia para con Padrón, coa cultura galega en xeral e para con figuras de tanta relevancia coma Rosalía de Castro, Manuel Murguía ou Alfonso Daniel R. Castelao.
Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863) é o primeiro volume da biografía de Rosalía de Castro. No libro nárranse as súas orixes familiares e os seus anos de mocidade. María Xesús Lama, profesora de estudos galegos na Universidade de Barcelona e editora de Cantares gallegos, pescuda con rigor e admiración, con obxectividade non exenta de paixón, na vida da poeta en Galicia e Madrid nun tempo de ideais e de aprendizaxe para a mocidade que na segunda metade do século XIX decide intentar vivir da pluma. Recibiu con anterioridade o Premio Fervenzas Literarias 2017 ao Mellor Ensaio do ano e o Premio Nacional de Ensaio 2018.
Pola sua banda, A nosa terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931) intenta ofrecer unha descrición fiel e detallada da traxectoria, actividades, publicacións, campañas, iniciativas, debates e conflitos que foron balizando o desenvolvemento desta entidade, unanimemente considerada pola historiografía como punto de arranque do nacionalismo galego contemporáneo.
A entrega do premio, que é honorífico (diploma e insignias da Casa de Rosalía), terá lugar no transcurso dun acto literario a celebrar no auditorio da Fundación Rosalía de Castro este Nadal.