O xurado do V Premio de Poesía Victoriano - Entidade Local de Morgadáns acordou declarar gañadora da convocatoria deste ano o poemario Distancias e Simetrías, do que é autora Mª Concepción Álvarez Lebredo.
Segundo o xurado, estamos diante dun poemario "que toca á lectora, ao lector, cun estilo sinxelo, nada pretensioso, mais -se cadra precisamente por iso- tremendamente efectivo a nivel emocional", e que "fala de realidades, desexos e temores moi íntimos, dun xeito directo que consegue facernos partícipes", agrega. "Os poemas visibilízanse ante nós, como se cada un se convertese nunha pequena curtametraxe", afírmase na acta.
Integrado polos escritores Gonzalo Navaza, Marta Dacosta, Araceli Gonda, Carlos Negro e Miguel Anxo Mouriño, este último como secretario, o xurado sinalou que "O libro vaise construíndo como a casa que habita o eu poético observando todo o que está ao seu redor nos distintos momentos do día. Soidade, desexo de amor, entrega á enfermidade, son os muros que erguen a casa en que a luz é imprescindíbel para frear a cegueira dos seus habitantes".
Para a viguesa María Concepción Álvarez Lebredo, Distancias e Simetrías trátase da súa primeira obra poética que verá a luz. No ano 2002 gañou o segundo premio no certame de relato histórico Reconquista, convocado polo Instituto de Estudios Vigueses.
O premio, amais da dotación económica estipulada nas bases, conleva a entrega dunha escultura conmemorativa da autoría de Fino Lorenzo e a publicación do libro polo IEM na colección Victoriano Taibo, será entregado no transcurso dun acto cultural que se celebrará na Escola de Guillufe de Morgadáns, sede do Premio, no mes de novembro.