No marco da XXVI Edición da Feira do Moble de Galicia, que se desenvolveu ata o pasado domingo na Estrada, fíxose público o nome do gañador do XVII Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela, que este ano foi para o escritor e investigador de Cuntis Héitor Picallo, pola súa serie de artigos publicados no Diario de Pontevedra. Este premio está organizado pola Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, en honra do persoeiro estradense que lle dá nome, e ten como obxectivo o de contribuír ao fomento e difusión da cultura en Galicia. No premio colaboran igualmente o concello da Estrada e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
Ao premio concorreron doce traballos procedentes de toda Galicia e o gañador desta edición vai engrosar unha xa prestixiosa listaxe de persoas que foron con anterioridade as debedoras do galardón, como por exemplo Antón Lopo, Miguel Anxo Fernán Vello, Ricardo Martínez-Conde, Francisco Rozados ou Juan Luís Blanco Valdés.
Héitor Picallo é enxeñeiro técnico naval pola Universidade da Coruña. Ten colaborado en múltiples xornais e revistas de investigación. No 2008 publicou a obra Xohán Xesús González: Un Precursor do Soberanismo Galego (Laiovento) e é autor da colección de libros infantís Tilirín.