Benito Losada, director da Casa da Xuventude de Ourense, finou no día de onte no Complexo Hospitalario Ourensano onde se atopaba dende había uns días por mor dunha grave doenza.
Lucense de nacemento Losada era, xunto o seu amigo Marcos Valcárcel, un dos grandes dinamizadores culturais da cidade das Burgas. A cidade, coa perda en pouco máis de dous meses de ámbolos dous, tardará en recuperar o pulo cultural que tanto Benito como Marcos agasallaron á vella Auria.
Director dende 1978 da Casa da Xuventude de Ourense, Benito Losada, promove e coordina numerosas actividades, como o Outono Fotográfico, as Xornadas de Banda Deseñada, a Bienal da Caricatura e o Premio Ourense de Contos. Participa en varias asociacións culturais, onde foi socio fundador da Agrupación Fotográfica Ourensana e do Club Cultural Alexandre Bóveda. Foi socio da editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas, do colectivo Landrover, de Enredarte e do Gremio do Libro ‘Literauria’, amais de ser membro da Comisión Técnica de Acción Cultural do Consello da Cultura Galega.