Un ano máis e xa van seis. Atlántica, o Festival Internacional de Narración Oral, sae a navegar polo mar das historias. Este ano as súas singraduras levarano polos concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, Lalín, A Coruña, Pazos de Borbén, Ourense e Teo do 13 ao 18 de marzo.
Na edición deste ano escoitaranse historias de illas, de papaventos, de casas encantadas, de animais mitolóxicos, historias de terras distantes e de aquí á volta de casa, romances e versos de mulleres que debuxan poesía coas súas mans, naufraxios e naufrexios, cantos esquencidos, medos inmensos, risas que debuxan ronseis no mar, contos para celebrar a nosa memoria e identidade atlánticas, como un patrimonio de incalculable valor.
Contadores e narradores de Galicia, Portugal, Brasil, País Valencià, Castela, Camerún, Madrid, Andalucía ou de Canarias achegarán ao longo dos seis días do Festival as mellores historias e contos tanto para adultos como unha coidada programación para o público infantil.
Toda a programación do Festival pode atoparse na web de Atlántica.