O poemario Transmatria, de Daniel Asorey, é o gañador do XIX Premio de Poesía Johán Carballeira, que organiza anualmente o concello de Bueu.
O xurado, formado por María Reimóndez como presidenta (e gañadora da edición do pasado ano), Eli Ríos, Miguel Ángel Alonso Diz e Ángela Mª Agulla como secretaria, valoraron da obra gañadora a “potencia dunha linguaxe innovadora e a explosión das marxes dos corpos como capacidade de transformar e superar o agardado”.
O compostelán Daniel Asorey é profesor no ensino medio. Como escritor gañou o I Certame de Relato Curto Cidade Vella e o Premio de Narración Curta no I Certame Literario e de Investigación Terra de Melide. Un ano despois acadou o certame Manuel Murguía de narracións breves con Soñar pedras con fútbol. En 2016 gañou o Premio Narrativa Breve Repsol coa obra Nordeste. Transmatria será o primeiro que poidamos ler no eido da lírica de Daniel Asorey.
Na mesma xornada que se coñeceu o nome do gañador do Premio de Poesía Johán Carballeira sóubose tamén que na categoría de xornalismo, na súa décimo quinta edición, o gañador foi Moncho Iglesias Míguez polo seu traballo Corea do Norte.