Desde o pasado 4 de decembro e ata o 10 de marzo a Sede Afundación de Santiago de Compostela acolle a MiiC, ou Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea. Trátase dunha exposición colectiva que reúne un total de 19 proxectos ilustrados a través dos que compoñer unha fotografía do panorama actual na ilustración a nivel mundial. Con gran presenza de mulleres como a galega Lara Lars, ou a andaluza María Hesse, ata artistas de talla internacional como Christoph Niemann.
Como complemento da MiiC o vindeiro sábado 26 de xaneiro celebrarase a FELiiC, Feira de Edición e Libro Ilustrado. Esta feira céntrase na edición e autoedición de libros ilustrados dirixidos, principalmente, a un público non infantil, e que están relacionados directamente cos traballos das ilustradoras e ilustradores que participan na MiiC.
A xornada distribúese en torno a un programa de charlas e mesas de debate que teñen como finalidade achegarnos ao traballo de artistas e editoriais, facer unha radiografía da situación actual do sector, e indagar nas novas tendencias en canto a contidos. O evento complétase cunha feira onde o público poderá mercar as publicacións das autoras e editoriais convidadas.
O obxectivo da FELiiC é resaltar a importancia do traballo das ilustradoras e ilustradores á hora de ter que completar unha narración literaria a través das súas interpretacións ilustradas, así como cando se enfrontan ao momento de crear os seus propios proxectos co fin de ser editados ou autoeditados. Ademais, resalta o traballo das editoriais que apostan por edicións moi coidadas onde a ilustración é tan protagonista coma o texto, poñendo así en valor o formato do libro ilustrado coma un todo artístico que enriquece e fomenta a lectura.
PROGRAMA
Mesas de debate / Charlas:
- Literatura ilustrada. O auxe das reedicións de clásicos universais da literatura en formato ilustrado. Participantes confirmados: Luisa Rivera, ilustradora da nova edición de Cien Años de Soledad (Random House); Helena Pérez García, Ilustradora da nova edición de Orlando (Lumen); e Gemma Suárez, editora de El Patito Editorial.
- Novas temáticas: Feminismo ilustrado. Editoriais e artistas que apostan pola ilustración como medio de concienciación da igualdade de xénero. Participantes confirmados: Malota, ilustradora do libro Un paseo por la vida de Simon de Beauvoir; María Hesse, ilustradora da biografía de Frida Kahlo (Lumen).
- Premios Castelao de Banda Deseñada. A importancia do apoio institucional á edición de proxectos ilustrados. Participantes confirmados: Representante Deputación Premios Castelao de Banda Deseñada; Bea Lema, autora de O Corpo de Cristo (Deputación da Coruña); Oliver Añón Lema, autor de Cancións para afundir flores no mar (Deputación da Coruña); un representante de AGPI.
- A autoedición como alternativa creativa. Participantes confirmados: Manuel Barreiro, director do Fun Fun Fun (Santiago de Compostela).
Postos feira:
- Librería convidada Grupo Editorial Penguin House.
- Librería convidada Edicións Xerais e El patito editorial.
- Premios Castelao de Banda Deseñada // AGPI.
- Editorial Nobrow // Malota Projects.
- Fun Fun Fun (autoedición).
- MiiC // Sinatura de libros.
Estas xornadas están organizadas pola Deputación da Coruña coa colaboración de Afundación e do goberno galego.