A terceira edición da Feira do Libro de Ponteareas comeza hoxe na Praza Maior, organizada en colaboración entre o Concello de Ponteareas e maila Federación de Libreiros e Editores de Galicia. A feira abrirá as súas casetas ás 18.00 h. e ficará aberta ata o vindeiro domingo, día 14, e contará coa presenza de algúns dos autores máis destacados do panorama literario galego contemporáneo. Este ano contarase cun total de dez casetas participantes.
O responsable do pregón inicial será o poeta e dramaturgo Roi Vidal Ponte, que se encargará da apertura oficial da feira a partir das 20.00 h. de hoxe. De seguido, a escritora Isabel Blanco ofrecerá un recital poético que rematará cunha sesión de “micro aberto” na que están convidados a participar todos aqueles interesados en dar a coñecer os seus propios textos (prosa ou poesía) ou a compartir os seus achádegos literarios.
Algúns dos autores que participarán na feira para presentar os seus últimos traballos serán Antonio García Teijeiro, Iolanda Zúñiga, Arantza Portabales, Raquel Castro, Anna R. Figueiredo, Elena Gallego Abad, Clara do Roxo, Luís Vallecillo ou Xoán Curiel. Tamén están convidados a asinar os seus libros en distintas casetas autores como Diego Giráldez, Manuel Esteban, Alberte Momán, Beto Luaces, ou María Soliño. Presentarase tamén un libro editado polo Refuxio de Animais “Os Biosbardos” e outro realizado pola asociación de loita contra oautismo e os trastornos TEA “Familias Azuis”. O domingo, ás 21.00 h., o propio Concello presentará a edición de dous libros: un que recolle os poemas gañadores dos Xogos Florais de 2018 e 2019, así como un libro colectivo xurdido a partir do Obradoiro de Escrita Creativa impartido por Roi Vidal Ponte os dous últimos anos.
Ao longo destas catro xornadas, haberá tamén actividades de animación á lectura para nenos e nenas a cargo do persoal da Biblioteca Municipal, visitas guiadas a cargo de O Gardián dos Libros, unha charla-coloquio sobre linguas minorizadas e diversidade cultural impartida por alumnos dos institutos ponteareáns participantes no programa Erasmus, así como un obradoiro de ilustración e banda deseñada impartido polo profesorado da Escola de Arte de Ponteareas.
A feira será clausurada logo do peche de actividade, cunha actuación do coro de gospel da Asociación Xuvenil Ascan.
Participan a libraría Pedreira, a libraría Cortizas, a editorial Galaxia, a libraría Ledo, a libraría Cartabón, a libraría Lafer, libraría Terra, libraría Don Papel e a libraría Milfollas. O horario das casteas, agás hoxe xoves que abrirá ás 18.00 h. será de 12.00 h. a 14.00 h. e de 18.00 h. a 22.00 h. Como nestas Feiras do Libro, todas as compran terán un 10% de desconto.