O poemario A guerra era contra nós, de Carlos da Aira, é a obra gañadora do VIII Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía que convoca o concello de Fornelos de Montes a Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe.
O xurado do premio, formado por Antón Lopo, Mercedes Queixas, Ismael Ramos e Armando Requeixo, actuando como presidente Luís Cochón e con Carmen Carreiro como secretaria, salientou de A guerra era contra nós o admirable dominio do poema en prosa, a forza das imaxes e o tempero na dicción, que conforman un discurso harmónico e de forte equilibrio interno. Tamén estimou da obra gañadora a coherencia na ollada da voz poética, que reflexiona crítica e reveladoramente sobre a condición humana e a súa circunstancia.
Ademais da cantidade económica estipulada nas bases do premio, Carlos da Aira publicará a obra gañadora no vindeiro mes de abril en Xerais, coincidindo co nacemento de Lueiro Rey.
Nacido no ano 1972 en Euskadi de emigrantes galegos, actualmente Carlos da Aira vive e escribe dende Nanín, no concello de Allariz. Membro do Comando Esbardalle desde o que intentan recuperar e potenciar a dimensión oral e pública da poesía en espectáculos de carácter multidisciplinar, Carlos da Aira dirixe desde 2014 o Poemagosto – Festival Internacional de Poesía en Allariz, e desde o 2015 o Ponme un Poema! O pasado ano acadou o 34 Premio de Poesía Cidade de Ourense con Prender os fachos, compoñer os ósos.