O xurado do IV Premio de Poesía Victoriano Taibo–Entidade Local de Morgadáns acordou conceder o premio que recaeu este ano en Calros Solla pola súa obra Holocausto Zacoe.
O xurado do certame, formado por Gonzalo Navaza, Marta Dacosta, Mª Goretti Fariña, Silvia Penas, Miguel Anxo Mouriño, Urbano Esmerode e Carlos Méixome, estes dous últimos con voz pero sen voto, valorou a unidade e a elección temática do orixinal. O libro é unha alegoría sobre a situación do idioma e da identidade do pobo galego. A ironía e o humor son os recursos fundamentais para esquivar o desacougo tráxico que os poemas nos relatan, pois malia o sorriso que conseguen debuxar en nós, non podemos ignorar a realidade negativa dos seus enunciados. Holocausto Zacoe é a demostración de que a poesía é divertimento e mensaxe, un medio para reflexionar e concienciarse da realidade que nós rodea.
Este certame de poesía foi creado no ano 2008 dentro de diversas accións levadas a cabo polo IEM, co patrocinio principal, aínda que non único, da Entidade Local de Morgadáns, que tiñan por obxecto renderlle unha homenaxe ao escritor, poeta e académico Victoriano Taibo, rescatalo do esquecemento no que inxustamente estaba asolagado e vinculalo definitivamente ao lugar onde por máis tempo desenvolveu o seu labor docente e cultural, a parroquia de Morgadáns.
Para Calros Solla este premio súmase ao recentemento obtido no Johán Carballeira de Bueu hai só uns meses co libro Koyi Kabuto. Lume de ollos MazinGZ.