As bibliotecas públicas dependentes do goberno galego celebran o Día do Libro cun amplo abano de actividades online abertas a toda a cidadanía co obxectivo de fomentar a lectura entre a sociedade e seguir dando ao libro todo o protagonismo que merece, con especial énfase neste contexto de confinamento. Entre as accións que se levan a cabo figuran concursos en redes sociais, exposicións virtuais, publicación de catálogos ou recomendacións por parte do persoal das mesmas.
Unha das principais actividades na que todos os anos toman parte os museos é a do bookcrossing. Aínda que as especiais circunstancias que afectan este ano á mobilidade por mor da pandemia non permiten este formato, nesta ocasión proponse un bookcrossing virtual, no que cada biblioteca ou centro participante compartirá en liña un libro da súa colección ou do seu catálogo de publicacións, para consultar ou descargar. Desde a Biblioteca do Artium de Vitoria elaborarán un vídeo con todas as bibliotecas participantes, que difundirán polas redes.
‘Encriptados’ en emoticonos na Coruña
Desde A Coruña, a Biblioteca Miguel González Garcés pon en marcha nas súas redes sociais o concurso Encriptados de ida e volta, mediante o cal os participantes deben enviar, ata o 21 de abril, unha mensaxe a través do seu perfil de Facebook co título do libro que están a ler durante o confinamento descrito en emoticonos. Unha vez recompiladas todas as mensaxes, publicarase unha listaxe o día 23 con todos os títulos e os participantes deberán adiviñar o título deses libros.
‘Balcóns de lectura’ en Lugo
A Biblioteca Pública de Lugo está a desenvolver o programa Balcóns de lectura. Trátase dun roteiro dixital por librerías, escritores e mediadores culturais que desde os seus balcóns deixan as súas suxestións lectoras e os seus textos. Estas son recollidas e publicadas nas súas redes sociais.
Recomendacións en Ourense
Ourense tamén está a impulsar accións a través das redes sociais da súa biblioteca. Os interesados dispoñen de recomendacións de libros por parte do seu persoal así como imaxes ou opinións sobre libros que están acompañando aos usuarios da biblioteca durante este período excepcional.
‘Libros prohibidos’ en Pontevedra
A Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola ofrecerá desde o 23 de abril ata o 15 de maio unha exposición virtual na súa páxina web arredor dos Libros prohibidos, unha mostra sobre a censura literaria ao longo dos séculos.
Relato colectivo en Santiago
A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal creará, a partir do 20 de abril, unha historia colaborativa a través de Twitter baixo o título Conto a moitas mans. Este conto comezará cunha pequena frase de arranque que estará seguido das instrucións para poder participar e que consisten en “copia, continúa a historia e comparte como comentario”. Ao remate, publicarase o relato completo e en función da extensión final realizarase un cartel ou unha publicación. Ademais, o Día do Libro publicarán unha serie de videorecomendacións de lecturas de amigos deste Biblioteca.
Viaxar sen saír da casa en Vigo
Viaxar sen saír da casa é unha das propostas da Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel, que invita aos seus usuarios a encher nas súas redes sociais unha guía de viaxe e unha guía de lectura cos seus lugares e libros destacados. O mapa e listaxe resultantes serán publicados o Día do Libro. Ese mesmo día, a súa web acollerá a exposición virtual Libros e cidades: rúas e relatos, camiños converxentes, na que se repasan obras significativas da literatura galega e internacional, destacando fragmentos que describen as cidades ou vilas nas que transcorren.
Exemplares únicos en Galicia
Pola súa banda, a Biblioteca de Galicia, desde a Cidade da Cultura, destacará algúns títulos con exemplares únicos que se atopan na rede de bibliotecas do noso país. Tomando como referencia o Catálogo Colectivo do Patrimonio Bibliográfico Galego, visibilizaranse algunhas obras estudadas polos técnicos da biblioteca dos que só unha biblioteca galega conserva un único exemplar.
Igualmente, a Libraría Institucional da Xunta destacará publicacións como o catálogo de libros infantís e xuvenís, Biblioterapia. Lecturas saudables: Guía de libros recomendados, a guía de literatura infantil e xuvenil non discriminatoria II, os Cadernos Ramón Piñeiro XXIII. Epistolario Ricardo Carballo Calero, as Cartas a Fermín Penzol e Libros e lectura en Galicia. Séculos XVI-XIX.
Bibliotecas abertas en GaliciaLe
As bibliotecas autonómicas seguen tamén abertas a través de GaliciaLe, a plataforma de préstamo electrónico desde á que é posible acceder a máis de 4.500 títulos.
Iniciativa #aculturasegue
Todas estas actividades inclúense na iniciativa #aculturasegue, cancelo baixo a que se presentan propostas pensadas para toda a familia nas redes sociais das súas dotacións culturais. Así mesmo, esta acción busca recoñecer o papel sobresaínte que os nosos creadores e axentes culturais tiveron e teñen na construción social de Galicia, ao tempo que ofrece opcións de ocio dixital de calidade e plural no ámbito do fogar, que propicien a creación e consolidación de bos hábitos e prácticas culturais. Ademais de seguirse nas redes sociais, pode consultarse en cultura.gal/aculturasegue.