O xurado da XVIIIª edición do Premio Plácido Castro de Tradución resolveu premiar a Antía Veres Gesto pola tradución da novela A Lost Lady ou Unha muller perdida, da estadounidense Willa Cather. O xurado valorou especialmente “a capacidade de recreación da autora así como o acerto do uso dun galego extremadamente natural e próximo, empregando unha fraseoloxía propia sen alterar a atmosfera orixinal da novela. Ademais chamou a atención sobre a significación da autora e a obra elixidas, inédita ata agora no noso sistema literario, que gozou sempre de amplo recoñecemento tanto nos Estados Unidos de América como a nivel mundial”.
Nesta edición, formaron parte do xurado Olga López, Xunta de Galicia; Fernando Moreiras, Asociación de Tradutores Galegos; Ana Luna Alonso, Universidade de Vigo; Víctor Caamaño, Fundación Plácido Castro; Xulio Ríos, IGADI; e Xosé Luís Franco Grande, Real Academia Galega.
Unha muller perdida é unha novela de 1923 na que un dos personaxes, o mozo Niel Herbert, narra a historia dunha peculiar muller chamada Marian Forrester. Esta casa co rico capitán Forrester e acaba asentándose na pequena localidade de Sweet Water, no Oeste norteamericano. Non obstante, o seu modo de actuar é tan singular e tan diferente ao do resto de mulleres da época que non deixa indiferente a ninguén e provoca as críticas ou o interese da veciñanza.
Antía Veres é licenciada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo, co Premio Extraordinario de Fin de Carreira. No 2017 recibiu pola tradución de Detrás da máscara, de Louisa May Alcott, o I Premio Realia de Tradución, galardón convocado pola editora Hugin e Munin e polo Concello de Santiago de Compostela. Ademais, no 2013, gañou o primeiro accésit pola tradución d’O conto de Nadal de Auggie Wren, de Paul Auster, nos Premios de poesía, relato curto e tradución literaria da Universidade de Vigo. Firme defensora da lingua galega, no 2009 foi unha das fundadoras da asociación Trabalingua, da Universidade de Vigo, que avogaba pola normalización da lingua galega no eido universitario.
Entre outras traducións realizadas por Veres, atopamos Un amante fantasma, de Vernon Lee (inglés-galego), publicada por Hugin e Munin; Unha historia detectivesca de dobre canón, de Mark Twain, publicada por Kalandraka; ou O planeta dos simios, de Pierre Boulle, publicada por Kalandraka.
O Premio Plácido Castro de Tradución en lingua galega está impulsado pola Fundación Plácido Castro en colaboración coa Asociación de Tradutores Galegos e ten como finalidade a de promover entre todos e todas as tradutoras de Galicia versións en lingua galega das grandes obras da literatura universal.