Sabíamos da poeta saviñá Alicia Fernández grazas a súa aparición en numerosos volumes colectivos, pero moi lonxe quedaba xa o seu Botar o mar polos ollos (Tema), único ata o de agora poemario individual. Dentro de pouco veremos un novo libro seu grazas ao premio Fiz Vergara Vilariño que ven de acadar polo poemario Mamá Pelícano. O premio, fallado o pasado sábado en Sarria, outorgouse por unanimidade de entre o preto de 60 obras presentadas.
O xurado destacou nesta obra o tratamento da familia e a maternidade dende o punto de vista descarnado. E a unidade temática do conxunto dos poemas cunha concatenación de imaxes sorprendentes e impactantes. Un mundo rico de significacións simbólicas e unha perspectiva feminista transversal.
Nesta XIX edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño o xurado estivo composto por Lara Dopazo, Xosé María Álvarez Cáccamo e Miriam Ferradáns, actuando como presidenta a concelleira de cultura de Sarria Reyez Abella e como secretaria, a presidenta de Ergueitos, María Casar.
O Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño nace no ano 2000 a iniciativa da Asociación Cultural Ergueitos, co patrocinio do concello de Sarria, como homenaxe ao poeta de Santalla Fiz Vergara Vilariño.