Abel Tomé, coa novela A noite do lobo, é o gañador do Premio Illa Nova de Narrativa para menores de 35 anos convocado pola editorial Galaxia.
O xurado, composto pola lectora Paz Raña Lama, a escritora Iolanda Zúñiga e a xornalista Ana González Liste, valorou que nesta novela “o autor emprega unha prosa dinámica, contida, en que nada sobra e coa que logra construír imaxes contundentes”. Ademais, subliñan que “o dominio da lingua e a escolla dos topónimos e antropónimos colaboran, sen dúbida, a engrandecer a ficción”.
A noite do lobo desenvólvese nunha época remota no acervo galaico portugués pero conta con referencias actuais e reminiscencias a David Lynch, a Mary Shelley e incluso a Cortázar. O relato, protagonizado por un atípico cazador de lobos, é unha defensa do patrimonio natural onde tamén destaca a forza do pobo contra o poder e a perspectiva anticolonial.
Abel Tomé (Outes, 1984) é graduado en Xornalismo e actualmente compaxina a comunicación e o deseño cun máster en Dereitos Humanos. Previamente publicara xa en Galaxia A noite do corvo (2018), novela coa que fora finalista do Premio Illa Nova en 2017.
Hai dous anos Editorial Galaxia creou o Premio Illa Nova para autores e autoras menores de 35 anos co obxectivo de estimular a creación entre os máis novos cando se cumprían 60 anos dende que botase a andar a xa mítica colección Illa Nova.
A noite do lobo chegará ás librerías nas próximas semanas dentro da colección Literaria de Galaxia.