O seu era un dos nomes máis agardados dende hai anos para protagonizar o Día das Letras Galegas. Por fin a Real Academia Galega dedicará a Ricardo Carvalho Calero, no 2020, o Día das Letras Galegas, unha decisión que non exenta de polémica no seno da propia institución da rúa Tabernas, como se desprende do comunicado impulsado hai uns días por un grupo de académicas e académicos.
A celebración o vindeiro ano a Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990), que ata o ano 1981 asinou as súas obras e escritos como Carballo Calero, cadrará cos 110 anos do seu nacemento e os 30 anos do seu pasamento. O profesor ferrolán, unha das figuras máis relevantes da cultura galega da segunda metade do século XX, desenvolveu unha traxectoria vital fondamente vencellada á historia do galeguismo no pasado século XX: foi na mocidade membro do Seminario de Estudos Galegos e colaborador da revista Nós, participou na redacción do Estatuto de Autonomía de 1936 e, xa no exilio interior, implicouse activamente nas estratexias de recuperación do idioma propio. Membro da Real Academia Galega, destacou tanto no ámbito da creación literaria como na crítica e na investigación filolóxica, converténdose en 1972 no primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas.
A obra de creación literaria de Carballo Calero transita os diversos xéneros canónicos e suma uns vinte libros. Como narrador publicou obras como A xente da Barreira (1951), Scórpio (1987) e relatos curtos. Tamén cultivou a poesía, con títulos como Vieiros (1931), O silenzo axionllado (1934), Anxo de terra (1950), Poemas pendurados dun cabelo (1952), Salterio de Fingoy (1961), o volume antolóxico Pretérito imperfeito (1980), Cantigas de amigo e outros poemas (1986) ou Reticências (1990). Igualmente, fixo achegas á literatura galega como dramaturgo: Catro pezas: A sombra de Orfeo, Farsa das zocas, A arbre, Auto do prisioneiro (1971), Teatro completo (1982).
Na súa extensa produción destacan os seus estudos sobre a literatura, que con frecuencia atravesan as fronteiras entre os xéneros didáctico e ensaístico. Entre as súas importantísimas contribucións á historiografía literaria sobresae a erudita Historia da literatura contemporánea galega (1963), o esforzo de sistematización da nosa literatura máis ambicioso e significativo da segunda metade do século XX. Nos estudos que publicou na década de 1970 sobre diversos autores salientan os que lle dedicou a Rosalía de Castro. Foi tamén moi relevante a súa actividade como conferenciante e articulista, incluso nas páxinas da prensa diaria, arredor de asuntos de índole filolóxica ou cultural.
Carvalho Calero é ademais autor da Gramática elemental del gallego común, manual de referencia para as primeiras xeracións de estudantes de lingua galega e que atinxiu unha gran difusión, ata chegar ás sete edicións. A de 1979, a derradeira, ten cambios importantes na ortografía e en escollas léxicas e, sobre todo, morfolóxicas a raíz do cambio na concepción de Carvalho sobre o que debería ser o galego culto, xa que desde mediados da década dos 70 pasou a defender a adopción dunha ortografía próxima á portuguesa para o galego e a aceptación do portugués como referencia fundamental do galego estándar. A partir desas datas empeza a asinar como Ricardo Carvalho Calero. Os seus traballos lingüísticos e a exposición e propostas de orientación reintegracionista foron recollidos en volumes como Problemas da Língua Galega (1981), Da fala e da escrita (1983) e Do galego e da Galiza (1990).