Sempre existiu unha literatura oral pensada para cantar, adaptable a melodías en función do uso social. Desde os cantos de traballo aos festivos, os de Entroido ou os propios do Nadal, os das romaxes ou os romanceados con historias tráxicas ou cómicas.
Con Rimas e letras da música popular. Do Romanceiro tradicional ao bravú, o lema baixo o que se desenvolverá a XII Xornada de Literatura de Tradición Oral, preténdese conectar esas dúas realidades creativas, contextualizando temas, usos e supervivencia destas manifestacións.
Para recuperar pero, sobre todo, para actualizar ese saber herdado. Recoñecidas e recoñecidos especialistas na materia proporán unha reflexión ao conxunto da sociedade sobre a evolución da nosa cultura popular.
Esta XII Xornada de Literatura de Tradición Oral terá lugar o xoves 24 de outubro no Salón de Actos da Deputación Provincial de Lugo. A actividade, coordinada por Antonio Reigosa, está organizada pola AELG co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega.
A matrícula é de balde, habendo dúas modalidades de inscrición: 1) Para o profesorado do ensino non universitario e futuros/as ensinantes do ensino non universitario, a matrícula, gratuíta, farase desde o 3 de outubro até o 24 de outubro a través da web da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega. E 2) Para as persoas que non estean nesas circunstancias ou que non lles interese o certificado homologado, deberán incribirse dirixíndose á secretaría técnica da AELG desde o 3 de outubro até o 24 de outubro a través do correo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou o teléfono 981 133 233 (de luns a venres, en horario de 9.00 a 14.30), e a Asociación de Escritoras e Escritores emitiralles un diploma acreditativo de asistencia.
Programa
10.15 h. Recepción, entrega de material e inauguración
10.30 h. -11.30 h. Conferencia: O romanceiro tradicional e a cultura galega: identidade, língua e normalização.
José Luís Forneiro
11.30 h. -12.30 h. Conferencia: O romance tradicional; relación entre texto e melodía.
Dorothé Schubarth
12.30 h.-14.00 h. Mesa redonda: Romances con rima e melodía. Supervivencia do xénero.
José Luís Forneiro e Dorothé Schubarth
Coordina: Antonio Reigosa
16.00 h.-17.00 h. Conferencia: Novas formas na música popular: Da romaría á festa. Da movida ao bravú.
Xurxo Souto Eiroa
17.00 h.-18.00 h. Conferencia: A pegada da violencia contra as mulleres nas cantigas da montaña luguesa.
Branca Villares Naveira
18.00 h.-19.30 h. Mesa redonda: Os camiños incertos da canción. Lingua e música popular no século da globalización.
Xurxo Souto Eiroa e Branca Villares Naveira
Coordina: Lois Pérez
19.30 h.-20.30 h. Sesión práctica: Transmisión oral na música tradicional no século XXI: A Tradescola de Lugo e a Asociación de Gaiteiros Galegos.
Interveñen alumnado e profesorado da Tradescola, Escola de Música Tradicional (Lugo)