A Liga Estudantil Galega organiza, co gallo da celebración do 50 aniversario da publicación das Memorias dun neno labrego, unhas xornadas de homenaxe ao autor Xosé Neira Vilas. O evento terá lugar os días 12 e 13 de abril na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.
As xornadas principiarán o martes 12 coa presentación da homenaxe a cargo do decando da facultade Ernesto González. De seguido o presidente do Consello da Cultura Galega Ramón Villares, o poeta Rafa Villar, M. Anxos Seixas, coordinadora do Arquivo da Emigración do CCG, a profesora Dolores Vilavedra, o secretario da RAG Xosé Luís Axeitos, a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego Carme Freire Cruces e o cantautor punk Leo i Arremecághona completarán esta primeira xornada.
A xornada do mércores comezará coa ponencia de Luís A. pousa Do pulo xornalístico de Neira Vilas no exilio ao feche de A Nosa Terra, Vieiros e A Penela, Lois Pérez Leira, autor de Cuba, os galegos e o Che, e o sociolingüista e académico Henrique Monteagudo completarán as conferencias deste día. Este mércores de tarde os asistentes poderán participar nun coloquio co escritor de Gres. Rematarán estas xornadas de homenaxe a Neira Vilas cun acto presentado pola actriz Isabel Risco e a participación de V´citor F. Freixanes, director de Galaxia; Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da RAG; as escritoras Marilar Aleixandre e Rosa Aneiros e un recital poético musicado a cargo de María Lado e Lucía Aldao. Mini e Mero porán o peche das xornadas.
Os interesados en participar nesta homenaxe a Xosé Neira Vilas terán que enviar os datos persoais (nome, apelidos e DNI) a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. O prezo de inscrición é de 3€ que serán integramente empregados para sufragar os gastos das propias Xornadas. O abono farase en man á entrada da Homenaxe o día 12.