A Galería de Mulleres da Biblioteca da Muller do Concello de Muxía dedica á escritora e tradutora María Reimóndez (Lugo, 1975) este mes de febreiro.
Coa Galería de Mulleres destácase cada mes o labor dunha muller no mundo das artes, as letras, a ciencia, ... Cada mes estará dedicado a unha muller e repartiranse carteis nos que apareza esa muller e indicacións para informarse sobre ela ou para acceder á súa obra. Con cada muller destacada indicarase que libro ou libros están á disposición do usuario/a na Biblioteca da Muller do Concello de Muxía, escritos por esta muller ou que fagan referencia á mesma.
María Reimóndez ten unha longa carreira como tradutora literaria. En 2009 recibiu o premio Plácido Castro de tradución. Como escritora ten numerosos premios , así no ano 2003 recibiu o premio de novela Mulleres Progresistas de Vigo, no ano 2005 quedou finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil, en 2006, foi galardoada co Premio San Clemente e co Premio Frei Martín Sarmiento no 2010. Ten feito un importante traballo de investigación e divulgación sobre o feminismo.
Especialmente relevante é o seu traballo no campo da cooperación ao desenvolvemento. Comezou o seu traballo como voluntaria en Karnataka (India) e en 1998 fundou Implicadas no Desenvolvemento, organización que entende a pobreza como unha cuestión política na que se vinculan o neocolonialismo, o patriarcado e o capitalismo. Reimóndez é a súa presidenta e a persoa directamente encargada de colaborar na planificación e seguimento dos proxectos .
O seu traballo teórico ao redor dos temas relativos á cooperación está estreitamente vinculado co seu traballo do activismo feminista e poscolonial, algo que a levou a impartir diferentes conferencias polo mundo.
María é unha muller fondamente comprometida e definitivamente activa en tódolos terreos e especialmente nos feminismos e a defensa da lingua galega en particular e da diversidade lingüística en xeral.