O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e o presidente da Fundación Otero Pedrayo, Víctor Freixanes, asinaron un convenio de colaboración dotado con 21.000 euros que ten como obxectivo a conservación e difusión dos fondos albergados nesta institución. En total, traballarase sobre 938 documentos que integran os fondos da Fundación Otero Pedrayo, unha actuación que procura como fin principal o mantemento e promoción da memoria colectiva sobre o escritor ourensán.
O convenio recolle a vontade da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e da Fundación Otero Pedrayo de promover accións dirixidas a recuperar, conservar e facilitar o acceso e o estudo do patrimonio bibliográfico e documental da Fundación Otero Pedrayo, co fin de contribuír á súa difusión á sociedade. Os resultados deste proceso de descrición bibliográfica e de dixitalización poñeranse a disposición das dúas institucións e para a súa inclusión nos fondos dixitais e bibliográficos da Biblioteca de Galicia. O obxectivo é favorecer a súa utilización e difusión pública, de xeito que se permita a consulta dos documentos mediante as novas tecnoloxías da comunicación.