O 1 de febreiro deste ano, aos 66 anos, deixábanos o escritor lucense Isidro Novo. Grazas á colaboración entre a Asociación de Escritoras en Lingua Galega e o concello de Lugo organizarase unha homenaxe colectiva a Isidro Novo o vindeiro 3 de novembro no Vello Cárcere.
A xornada de homenaxe arrincará cun simposio, no auditorio do Vello Cárcere, dende as 10.30 h. Nel intervirán Jose Luis Calvo, co relatorio Isidro Novo: retrato robot; X. Ramón Freixeiro, con Isidro Novo no ronsel das palabras fuxidías; Yago Rodríguez, que fará Unha achega intimista á narrativa de Isidro Novo e Marica Campo, que falará sobre A poesía de Isidro Novo. Tamén haberá o faladoiro Alén da escrita. O outro Isidro, coa participación de Cesáreo Sánchez, Darío Xohán Cabana, Paco Martín e X. Henrique Rivadulla. Presentarán e moderarán esta actividade Lois Pérez e Antonio Reigosa. Posteriormente, descubrirase unha placa, sobre as 13.45 h., na que foi última morada do homenaxeado, na rúa Bispo Aguirre 10.
Xa en xornada de tarde, o patio do Vello Cárcere será testemuña dun recital, no que intervirán Xoán Neira, David Otero, Xosé Lois García, Lois Diéguez, Toño Núñez, Alberte Momán, Xoán Xosé Fernández, Martiño Maseda, José Blázquez, Joaquín Carballido, María Xosé Lamas, Xosé Miranda, María José Fernández, Paco Reija e Luis Valle. Do mesmo xeito que o simposio, Lois Pérez e Antonio Reigosa presentarán a actividade, que terá banda sonora, da man de Tundal, Minhotos e Pilocha.
Para rematar a homenaxe, durante toda a xornada no patio central e celas do Vello Cárcere, poderá contemplarse unha exposición con libros, fotografías, ilustracións e outros obxectos vinculados ao labor creativo e vivencial de Isidro Novo. A artista Viki Rivadulla será a comisaria. Con todas estas actividades, posteriormente o Concello lucense editará un libro.
En palabras de José Luís Calvo, “a escrita de Isidro Novo é un ser artístico-verbal nado, crecido e madurado nas terras de Lugo. Aparte das referencias a lugares, tempos, circunstancias –persoais ou non–, explicitadas ou mergulladas nos seus libros e artigos, e detectábeis neles en canto realidades asumidas e artelladas esteticamente, todas esas páxinas, agás unhas poucas, foron escritas en Lugo”.