Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, e Ángel Mato, alcalde de Ferrol, reuníronse coa finalidade de abordar as diferentes accións que tanto o Concello como a Academia levarán a cabo ao longo do 2020, ano no que Ricardo Carvalho Calero será o homenaxeado no Día Das Letras Galegas. O encontro serviu para empezar a coordinalas e tamén para confirmar que o acto central da programación, o pleno extraordinario que a RAG celebrará o 17 de maio, terá lugar no Teatro Jofre. Previamente, haberá unha recepción oficial da corporación municipal aos académicos.
As iniciativas sobre o escritor ferrolán que promoverán ambas institucións serán varias. A primeira, segundo se avanzou na reunión, será a exposición sobre Carvalho Calero que está a organizar o Concello e que se abrirá ao público a principios de febreiro no Centro Cultural Torrente Ballester. Esta inauguración coincidirá coa presentación oficial do ano dedicado ao escritor. Ese mesmo mes a Real Academia Galega presentará a edición do proxecto para alumnado de infantil e primaria Primavera das Letras dedicada á súa figura. Outra cita destacada, alén do propio 17 de maio, será o simposio científico que a RAG organizará para profundar na súa traxectoria vital e intelectual.
Por outra banda, concordaron na oportunidade que debe supor a celebración das Letras Galegas do vindeiro ano para impulsar o proxecto de rehabilitación da casa familiar do homenaxeado en Ferrol Vello.
Tras o encontro, Ángel Mato agradeceu a boa disposición mostrada pola Academia para estreitar a colaboración co Concello co obxectivo de poñer en valor a figura de Carvalho Calero.
O pleno da Real Academia Galega acordou o pasado 22 de xuño dedicarlle o Día das Letras Galegas de 2020 a Ricardo Carvalho Calero, cadrando cos 110 anos do seu nacemento e os 30 anos do seu pasamento. O profesor ferrolán, unha das figuras máis relevantes da cultura galega da segunda metade do século XX, desenvolveu unha traxectoria vital fondamente vencellada á historia do galeguismo no pasado século XX. Foi na mocidade membro do Seminario de Estudos Galegos e colaborador da revista Nós, participou na redacción do Estatuto de Autonomía de 1936 e, xa no exilio interior, implicouse activamente nas estratexias de recuperación do idioma propio. Membro da Real Academia Galega, destacou tanto no ámbito da creación literaria como na crítica e na investigación filolóxica, e foi o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas (1972).