Existe un lugar perdido no profundo da noite, unha cidade secreta sen casas nin edificios, só tellados, azoteas, faiados e chemineas, bufardas, campanarios, torreóns… A Cidade dos Tellados non ten rúas, só pontes e pasarelas, tubaxes e escaleiras que sortean o nebuloso mundo que existe baixo a súa superficie. Un segredo, tan antigo como o propio mundo, ocúltase tras este labirinto insondábel, pero para descubrilo, o profesor Basilius Hoffman e o seu sobriño Peter deberán enfrontarse á máis profunda escuridade, aquela que habita no noso interior.
Este é o texto de contraportada do libro O mundo secreto de Basilius Hoffman: Un faro na escuridade, de Fernando M. Cimadevila e publicado por Urco Editora e que ven de gañar o I Premio "Muíño do Vento" de Textos de Contraportada, convocado pola Asociación Sociocultural Muíño do Vento. Como obras finalistas quedaron Bandeiras negras (Baía) de Ana María Galego Gen e Verdedades (Biblos) de Yolanda Castaño.
Este premio ten como obxectivo promover a calidade dos textos que acompañan o libro na contraportada ou lapelas e mais de resaltar a súa importancia pola información que transmite ao futuro lector.