Desde finais do mes de marzo os visitantes do Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) de Santiago de Compostela poden gozar da mostra O Principiño arredor do mundo, unha recompilación de edicións da obra de Antoine de Saint-Exupéry traducida a linguas de todo o mundo.
Organizada pola Fundación Carlos Casares, a exposición está composta por un centenar de volumes correspondentes a distintas traducións de ‘Le Petit Prince’, publicada por primeira vez no ano 1943, e provén da colección particular do escritor ourensán Carlos Casares.
A exposición tamén contén varios paneis ilustrados e ofrécense explicacións contextualizadoras da obra e desta mostra, así como sobre a obra de Carlos Casares e a súa relación con O Principiño.
O interese do escritor ourensán pola obra O Principiño parte da época na que traballaba na súa tradución ao galego, entre 1969 e 1972, data na que se publicou a primeira edición na nosa lingua. Para isto recorreu ao orixinal francés e a traducións a outras linguas romances, como o castelán, o catalán ou o italiano, entre outras. Casares foi xuntando máis volumes ao longo dos anos, recompilados nas súas viaxes, agasallados polos seus amigos ou, xa nos últimos anos da súa vida, mercados a través de internet.
Os volumes que se expoñen nesta mostra están clasificados por linguas dentro de cadansúa familia lingüística. Así pois, pódense atopar edicións de distintas linguas e nos máis variados alfabetos do mundo (desde o occidental ata os do Extremo Oriente). A meirande parte destas obras seguen as directrices de publicación ortodoxos para esta obra, se ben algúns volumes teñen peculiaridades de grande interese no tocante á súa edición dentro do conxunto da colección.
Como novidade, a exposición inclúe algúns elementos ao redor da figura de O Principiño, como postais ou un libro confeccionado con papiro (procedentes de La Habana), a banda deseñada El último vuelo, un libro sobre Consuelo, a muller de Saint-Exupéry - que resulta ser a metáfora da rosa na historia desta obra- ou unha libreta manuscrita de Carlos Casares cunha tradución de parte de O Principiño, datada en Euskadi no ano 1970.