O libro Venezia, de David Pintor e publicado por Kalandraka, ven de ser premiado nos 39 Premios “Letteratura per ragazzi” na categoría de mellor álbum ilustrado.
O xurado do premio declarou da obra do ilustrador coruñés que estamos ante “a feliz epifanía dunha realidade, fantástica e soñadora, nunha viaxe polas rúas de Venecia na compaña de gatos e pombas. Un libro silencioso de gran encanto e sabedoría icónica.”
O Premio de Literatura Infantil "Cassa di Risparmio di Cento" é un concurso internacional dirixido a autores de libros para nenos en italiano, orixinal o traducido. Celébrase dende o ano 1979 e foi presidido na súa primeira edición por Gianni Rodari. Algúns dos escritores que acadaron estes premios están Roberto Piumini, Daniel Pennac ou J.K. Rowling.
Organizado pola Fondazione Cassa di Risparmio di Cento, estes premios procuran ser un medio para apoiar a lectura entre a xuventude, axudar ás escolas italianas a ter libros que doutro xeito sería moi difícil de atopar, apoiar a industria editorial e recompensar aos mellores autores.
Venezia é un caderno de viaxe que nos convida a percorrer a cidade dos canais. Montados na bicicleta do artista, poderemos percorrer xunto a el diferentes lugares da cidade italiana, declarada como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, como o Ponte di Rialto, o Campo Santi Apostoli, o Mercato, o Campo della Maddalena ou o Campo San Giacomo dall’Orio.
David Pintor descúbrenos Venezia tras os seus anteriores cadernos, dedicados ás cidades de Compostela, Barcelona e Lisboa.