Xa se coñecen os nomes dos gañadores dos premios Frei Martín Sarmiento nas súas categorías de 1º e 2º de ESO e 3º e 4º de ESO e Bacharelato.
Para a Cuarta categoría, onde participaban os alumnos de 1º e 2º de ESO, a obra gañadora foi Mortos de ningures (Everest Galicia), escrito por Pereledi (Pere Tobaruela e Ledicia Costas) e ilustrado por Andrés Meixide. Mortos de ningures era finalista xunto a Fantasmas de luz (Xerais) de Agustín Fernández Paz.
Por outra banda, a obra de X. H. Rivadulla Corcón O noso amor será eterno (Xerais), mereceu o premio na quinta categoría dos Frei Martín Sarmiento. Como finalista quedou Lena e o lobishome (Tambre) de Carlos Laredo.
Os premios literarios Frei Martín Sarmiento, organizados pola Comisión de Normalización Lingüística de Escolas Católicas de FERE de Galicia, e que se concede ás mellores obras de literatura infantil e xuvenil escritas en galego, ten a singularidade de que os gañadores son elixidos a través do voto dos seus lectores finais, onde participan ao redor de 2.500 nenas e nenos a través do colexio.