Esta mañá tivo lugar, no IES Valadares de Vigo, o recoñecemento á ilustradora Mª Fe Quesada como Socia de Honra da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). Este galardón tomouse por unanimidade por parte da xunta directiva da Asociación. Gálix quere recoñecer con este premio a traxectoria de autoras e autores que teñen traballado de xeito especial no desenvolvemento da literatura infantil e xuvenil.
A escritora María Xosé Queizán foi a encargada de ler a laudatio. Logo proxectáronse os traballos da galardoada e o alumnado que asistiu ao acto puido, ademais de manter un coloquio coa ilustradora, recibir un gravado numerado e asinado por ela, feito para esta ocasión. Logo da resposta da homenaxeada á laudatio Xosé Antonio Perozo, o presidente de GÁLIX, fixo entrega a Mª Fe Quesada da escultura deseño de Noemí López, que acredita o nomeamento.
Nas anteriores edicións recibiron esta mesma distinción Xavier Senín, Xosé Neira Vilas, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Xoán Babarro e Helena Villar Janeiro.
Mª Fe Quesada naceu en Zamora no ano 1957 e é pioneira da ilustración de libros en galego. Ten no seu haber ser a encargada de pór ilustracións a máis dun cento de contos infantís e xuvenís de editoriais como SM, Galaxia, Santillana, Anaya, Obradoiro, Xerais, Everest, etc. O seu traballo foi recoñecido con diferentes premios, como o "Arte Xoven de Galicia" (1983, 1984) ou o "Artistas Noveis Galegos” (1992). Mª Fé Quesada é a primeira ilustradora en recibir este galardón por parte de Gálix.