Organizado pola comisión lingüística dos 125 colexios de Galicia pertencentes á Federación Española de Relixiosos de Ensino (FERE), o pasado 1 de abril falláronse no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela os VII Premios Frei Martín Sarmiento, onde máis de dous mil alumnos, divididos en cinco categorías establecidas segundo a idade e os cursos escolares, escolleron os seus libros preferidos.
Os gañadores foron:
1ª categoría (1º e 2º de Educación Primaria): A tea de araña que todo o apaña (Rodeira) de Xoán Babarro.
2ª categoría (3º a 4º de Educación Primaria): Andanzas de Xan Farrapeiro (Xerais) de Ramón Caride.
3ª categoría (5º e 6º de Educación Primaria): A ánfora exipcia (Tambre) de An Alfaya.
4ª categoría (1º e 2º ESO): Chamádeme Simbad (Galaxia) de Francisco Castro.
5ª categoría (3º e 4 de ESO e Bacharelato): As sete mortes (Galaxia) de Carlos Vila Sexto.
Para unha sexta categoría, de libros para adultos, o gañador coñecerase nas vindeiras datas. Os finalistas nesta categoría son: A praia dos afogados (Galaxia) de Domingo Villar; Peaxes (Xerais) de Santiago Lopo; e Un tipo listo (Galaxia) de Xosé Monteagudo.