O escritor ourensán Luis Antonio Pérez , foi o gañador da XI edición do "Premio Pura e Dora Vázquez de Narración", que convoca a Deputación de Ourense, pola súa obra O trasno de Bóveda e a chave máxica. O xurado destacou da obra premiada "o despregue imaxinativo e a súa adecuación tanto para o público infantil como xuvenil".
O xurado salienta asemade a importancia da narrativa coloquial da obra e o seu vocabulario, así como a narración fluída que entronca coa cultura propia de Galicia e, sinaladamente, de Ourense. Tamén incide o xurado que se trata dunha obra que, pola súa trama, mantén unha atención constante do lector dende o principio ao fin, e, en xeral, de todos os traballos presentados salienta o alto nivel dos mesmos cualificándoos como "emocionantes".
Segundo a normativa do premio, a obra gañadora será enviada aos interesados en participar no "XI Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración", para o cal a Deputación de Ourense abre a convocatoria. A esta modalidade de ilustración poderán concorrer os ilustradores que presenten os seus traballos, inéditos e orixinais -non menos de dez ilustracións-, que se axusten ás bases do premio e que tomen como base o texto premiado de Luis Antonio Pérez. A data límite para presentar os traballos é o 30 de marzo de 2014.
O xurado do "XI Premio Pura e Dora Vázquez de Narración" estivo presidido por Avelino García Ferradal, deputado de Cultura da Deputación de Ourense, e integrado por nx0woé Manuel Fernández López, Jesús Manuel García Díaz, María Rosa González Méndez e Xosé Manuel Cid Fernández, actuando como secretaria Ana María Malingre Rodríguez.