A libraría coruñesa especializada en LIX Libros para soñar (Avda. De Fisterra, 64) acolle ata o día 16 de abril unha exposición de doce ilustracións do debuxante David Pintor.
Un paseo ilustrado II presenta unha escolma de traballos incluídos en diversos libros infantís. Parte das ilustracións incluídas en Un paseo ilustrado II son o resultado de diversas experiencias viaxeiras: Compostela, Florencia, Amsterdam... As paraxes naturais e as paisaxes urbanas -aderezadas con elementos imaxinarios- están presentes na obra de David Pintor, que comparte cos lectores a súa impresión dos lugares que visita, plasmándoa en imaxes fermosas e lixeiras nas que o propio debuxante se retrata coma un turista accidental, un novo Hermes, un Gulliver contemporáneo.
Entre as ilustracións da mostra atopamos as incluídas no seu recente libro Almanaque musical, editado por Kalandraka, con doce poemas de Antonio Rubio e que se presentará hoxe ás 19.00 h. en Libros para soñar, nun acto onde participará o propio David Pintor.