Presenza galega nos Premios aos Libros Mellor Editados do 2011 feitos públicos onte polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. Estes premios, sen dotación económica, son moi valorados polo seu prestixio e recoñecemento, así como pola difusión que conleva, ao ser incluídos nas accións de promoción do libro e expostos nas principais feiras nacionais e internacionais.
O xurado valorou 251 obras en total, incluídas en cinco grupos temáticos. Entre eses grupos está a categoría de Libros Infantís e Xuvenís, e o primeiro premio correspondeu ao libro Kipling ilustrado, da editorial pontevedresa Kalandraka.
A edición de Kipling Ilustrado xorde da exposición homónima organizada polo Museo Valenciano da Ilustración e da Modernidade (MUVIM) en febreiro de 2011, coincidindo co ano no que se cumpría o 75 aniversario do falecemento do escritor británico. A obra reúne sete relatos de Rudyard Kipling (Bombay, 1865-Londres, 1936) ilustrados por sete destacados artistas plásticos do panorama gráfico actual: Ajubel, Pablo Amargo, Isidro Ferrer, Pep Montserrat, Pablo Auladell, Paco Giménez e Arnal Ballester. O libro complétase con artigos de varios expertos que reflexionan sobre o legado literario de Kipling e analizan a estreita relación entre Letras e Arte.