Nenas e nenos de Lugo poderán gozar desde o 21 de febreiro ata o 6 de maio de 44 talleres creativos nunha aposta polo entretemento e a lectura, futura, en galego. A campaña de animación á lectura ContoQontigo diríxese aos nenos e nenas en idades temperás cunha proposta literaria e audiovisual: Caracois.
A Área de Cultura e Deporte da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo e OQO editora botan andar esta cuarta edición na que participarán máis de 600 escolares nuns obradoiros que espertan as ansias de ler antes de saber ler.
Tenrura e fantasía para converter pequenos momentos en grandes aventuras cheas de emoción e sorpresas; para gozar dos primeiros pasos no camiño da literatura. A sesión iniciarase coa lectura dramática da serie literaria Caracois de OQO editora e coa proxección dun dos capítulos da serie de animación de OQO filmes. Contarase con elementos tridimensionais que sitúen os cativos neste universo. Ademais servirán para delimitar espazos: chapeu de Vermiño, beizos de Caracola, patas de Formiga, cuncha de Caracol... As nenas e os nenos vestirán mandilóns con imaxes dos protagonistas: Caracol, Caracola, Vermiño e Formiga. Faranse grupos dependendo do personaxe asignado e os rapaces situaranse no espazo correspondente á súa figuración. En cada un deles desenvolveranse distintas propostas lúdicas, dramáticas e plásticas en interacción cos distintos elementos. Deste xeito, rotando polos espazos, aprenderán cousas diferentes e descubrirán o mundo de Caracois.