David Pintor, co caderno de viaxe Lisboa (Kalandraka), Dani Padrón, coas ilustracións do libro-disco Pan de millo (Kalandraka) e Xan López Domínguez, con Las aventuras de la bruja Fritanga (Edelvives), son a representación galega que participarán na Bienal de Ilustración de Bratislava 2015, que se celebrará do 4 de setembro ao 25 de outubro na capital de Eslovaquia. A estes nomes hai que sumar o do pacense Federico Delicado, cuxo Ícaro (Kalandraka), premiado co VII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, tamén está seleccionado.
A Bienal de Bratislava, que neste 2015 cumpre 50 anos da súa fundación, é unha prestixiosa exposición internacional de ilustracións de libros infantís e xuvenís, organizada polo Ministerio de Cultura da República Eslovaca, a Comisión Eslovaca da UNESCO e a Casa Internacional da Arte para Nenos.
A Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI) -como delegación española da Organización Internacional para o Libro Infantil e Xuvenil (IBBY, nas súas siglas en inglés)- escolleu 15 ilustradores do Estado español para que envíen obras orixinais -cos seus respectivos libros- á mostra. Para esta nova edición da Bienal, OEPLI recibiu 75 propostas artísticas dun total de 58 ilustradores que optaban a participar na exposición.
Ademais da exposición internacional de ilustracións, a Bienal de Bratislava complétase cun simposio internacional de especialistas en ilustración infantil e xuvenil. No marco da Bienal, un xurado de expertos elixirá tamén os gañadores dos destacados premios “Grand Prix” e “Golden Apple” aos mellores traballos.