O libro Ganapán das palabras, do escritor Pepe Cáccamo e da artista María Xosé Fernández, asómase estes días ao escaparate de cinco librarías da cidade de Pontevedra: Seijas, Paz, Nobel, Pataka Frita e Amarante.
Na recta final do mes do libro e da lectura no que Kalandraka cumpriu o seu 18º aniversario, e abrindo as portas a este mes de maio no que celebraremos o Día das Letras Galegas, esta acción serve para visibilizar a literatura infantil-xuvenil e invitar o público a atopar nela unha fiestra aberta á imaxinación e á creatividade.
Kalandraka ven de recuperar un dos seus primeiros libros, Ganapán das palabras, que saíu da factoría dos Libros para soñar de Kalandraka en 1998. Pepe Cáccamo ofrece neste álbum ilustrado unha divertida historia rimada sobre cinco palabras aventureiras que caen nun espello e vólvense do revés. A través da poesía e interpelando os lectores, o autor favorece que os nenos e as nenas xoguen coa rima, cos versos e cos inversos. As ilustracións de María Xosé Fernández, de estilo ecléctico e vangardista, destacan polo seu carácter expresionista, os contrastes cromáticos e os xogos entre as formas e as letras. Aínda que segue a manter toda a súa calidade e vixencia, Ganapán das palabras é tamén unha mostra de como foi evolucionando o mundo do álbum ilustrado nestas últimas dúas décadas.
“18 anos lendo contigo” é o lema que fía esta mostra escénica coa que Kalandraka tamén pretende poñer en valor o papel das librarías como axentes culturais.