Ven de se publicar o catálogo Libros infantís e xuvenís de Galicia 2020, elaborado por GÁLIX, co apoio da Consellería de Cultura e Turismo do goberno de Galicia, que recolle información sobre as obras de literatura infantil e xuvenil publicadas no noso país durante o ano 2019.
A edición anual deste catálogo serve de presentación da LIX galega e é unha xanela aberta ao panorama internacional a través das feiras do libro para visibilizar a imaxe de Galicia e o idioma galego no mundo editorial. No catálogo aparecen preto de 120 obras de 20 editoriais expostas en galego, inglés e castelán.
Este catálogo pretende ser de utilidade para todas as persoas relacionadas coa LIX, a creadoras e creadores, mediadores e profesionais da produción e difusión que nestes tempos ven dificultado o seu labor.
O catálogo Libros infantís e xuvenís de Galicia 2020 conta nesta edición coa ilustración de cuberta de Manuel Uhía.