Dous libros publicados pola editorial pontevedresa Kalandraka foron recoñecidos onte cos premios estatais aos mellores libros editados no 2018, ambos os dous na categoría de libros infantís e xuvenís. Trátase de Cándido y los demás, co primeiro premio; e Cara de velocidad, co terceiro premio.
Os premios outórgaos o Ministerio de Cultura e Deporte do estado español e, aínda que non teñen dotación económica, son moi valorados polos editores grazas ao recoñecemento do seu traballo editorial, así como a difusión que implica, xa que os libros premiados exporanse nas feiras internacionais do libro LIBER, Fráncfort e Leipzig.
Cándido y los demás (dispoñible en galego co título Cándido e os demais) é un libro de Fran Pintadela e ilustracións de Christian Inaraja. Acadou o XI Premio Compostela. Cándido é unha persoa peculiar cunha gran necesidade de expresarse ante o mundo que o rodea, de ser comprendido e aceptado.
Cara de velocidad (publicado en galego como Cara de velocidade) da compostelá Marga Tojo e ilustracións de María Hergueta, foi X Premio Internacional Cidade de Orihuela de Poesía para Nenas e Nenos. Unha superheroína con superpoderes que protagoniza estes versos urbanos ten a capacidade de converter a hora de comer nun xogo disparatado ou nunha festa con improvisados instrumentos musicais; e dun accidente caseiro xorde a escusa perfecta para fantasiar con fascinantes peripecias, transcendendo as súas consecuencias negativas.
O xurado do premio estivo presidido por Begoña Cerro Prada, e participaron como voceiros Alfonso Méndez Portabales, Arsenio Sánchez Hernampérez, Esther Vilas Toledo, Antonio Mª Ávila Álvarez, Carmen Pérez-Santamarina Sanahuja, Sandra Cendal López e Almudena Hernández de la Torre Chicote.