Urco editora, en colaboración coa libraría compostelá Lila de Lilith, lanzan unha campaña de crowfunding para sacar adiante o proxecto editorial Mulleres bravas da nosa historia. Será esta unha colección de libros infantís orientados a dar a coñecer unha serie de mulleres exemplares da historia da Galicia aos públicos máis novos.
Alén de contar as biografías das protagonistas, os libros contarán con actividades para realizar coas cativas e cativos e cronoloxía, todo para axudar a valorar a achega das protagonistas á nosa cultura e ao noso país, ás veces ocultada polo feito de seren mulleres.
Todos os libros contarán coas ilustracións de Eva Agra e texto de diferentes autoras de renome, como María Lado, Eli Ríos, Elvira Ribeiro, Ledicia Costas, María Reimóndez...
O proxecto está coordinado pola traballadora de Urco Andrea Jamardo Seijo e conta cun comité de asesoras formado por Patricia Porto Paderne (educadora social e libreira experta en xénero) e Mariám Mariño (Técnica da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega). Asemade, a revisión lingüística dos textos correrá a cargo de Raquel Vila Amado (traballadora do ILG e correctora profesional).
Publicaranse a ritmo trimestral, e os dous primeiros títulos, que sairán xuntos, estarán dedicados a Rosalía de Castro e a María Victoria Moreno, exemplos senlleiros das nosas letras.
Dende a web do proxecto de Verkami as e os interesados en apoiar esta colección teñen toda a información necesaria.