Onte fallouse en Canido (Ferrol), o I Certame de Literatura Infantil e Xuvenil Muíño do Vento, que recaeu na obra Indómita e a semente da inmortalidade, de Álex Mene.
O xurado estivo formado por Ánxeles Ares López, Victoria Basoa Salgado, Paula Carballeira, Luz María Leira Rivas, Miguel Anxo Romero López e Cristina Yáñez Ces, que actuou en calidade de secretaria, con voz e sen voto.
O xurado, que acordou por unanimidade outorgar o premio á obra de Álex Mene, destacou do texto gañador a súa corrección gramatical, por estar escrito nun galego axeitado. A historia é apropiada para a idade á que vai dirixida (lectorado infantil), cunha boa ambientación e certos valores ecolóxicos, ademais de poñer en valor a nosa tradición dun xeito renovado.
A obra será publicada pola editorial Bululú.
Este Certame está organizado pola Asociación Sociocultural Muíño do Vento de Ferrol e está destinado a textos para o público infantil de idades comprendidas entre os 7 e os 12 anos.
O vigués Álex Mene é mestre, artista multidisciplinar e comisario de exposicións. Doutor en Belas Artes cunha tese sobre o labor de fotógrafo de Eduardo Blanco Amor, Indómita e a semente da inmortalidade será a súa segunda obra publicada, tras sacar o pasado ano, xunto a Blanca González Crespán, o libro A raíña das tortas (Alvarellos)