A escritora An Alfaya coa novela O grupo é a gañadora do XII Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil da Deputación da Coruña. O escritor e xornalista Xosé García Rodríguez é o finalista do certame coa obra Revolución detrito.
Un xurado composto polas escritoras Marilar Aleixandre, Andrea Maceiras, Eva Mexuto e Ánxela Gracián, con Goretti Sanmartín, como presidenta, e a xefa de servizo da área de Cultura, Mercedes Fernández-Albalat como secretaria elixiu, por unanimidade, a novela O grupo como gañadora do XII Premio Raína Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil.
Pola alta calidade das obras presentadas, o xurado decidiu nomear como finalista a obra Revolución detrito do escritor e xornalista Xosé García Rodríguez.
O xurado estima que a novela de An Alfaya é "unha proposta de lectura moi amena, un relato ben construído con personaxes ben traballados". A obra é, segundo o fallo do premio, "moi recomendable para o lectorado xuvenil e representa os conflitos tratados desde unha perspectiva de conciencia compartida".
A novela O grupo parte, como explica o xurado, "dunha situación pouco usual de cinco rapaces que se reúnen nun centro cívico para ser tratados por unha traballadora social a través da posta en común das súas experiencias traumáticas".
Por outra banda, o xurado recoñece en Revolución detrito de Xosé García Rodríguez "unha narrativa áxil, unha historia engaiolante de resistencia da xente máis desfavorecida, a que ten que facer do lixo o seu modo de vida, contra a ditadura". Salienta tamén o sentido do humor e o ritmo da novela.
A escritora An Alfaya (Vigo, 1964) é autora dunha ampla obra literaria na que visitou a escrita destinada ao lectorado infantil e xuvenil con títulos como ¡Sireno, Sireno!, Premio Merlín 1997 (Xerais); A recortada, Premio de Casa da Xuventude de Ourense en 1993 (Xerais); O baúl de Wensel (Galaxia), A encontadora (Xerais, 2002), O cero escuro (Edelvives-Tambre, 2003), Unha xanela para Cecilia (Edelvives, 2005), Xoa e Azor, Premio Frai Martiño Sarmiento (Tambre-Edelvives 2006), A lenda da lúa de Montealto, (Sotelo Blanco, 2007), Illa Soidade, Premio Fundación Caixa Galicia (Xerais, 2007), O recendo das clementinas, Premio Frei Martín Sarmiento 2017 (Tambre, 2013); A cea das Enaguas (Tambre 2016), O home de negro, Premio de Novela Xuvenil Xosé Neira Vilas (Embora 2017); ou novelas para adultos como Desventura (Positivas), Areaquente (Sotelo Blanco, 2009), Vía Secundaria (Xerais, 2011) ou Muros de Aire (Xerais, 2015)
En edicións anteriores, gañaron o premio Raíña Lupa os escritores Héctor Cajaraville, Xesús Fraga, Marcos Calveiro, Carlos López, Antonio Yáñez, Breogán Riveiro, Xosé A. Neira Cruz, Antonio Reigosa, Mario Pereira e Agustín Fernández Paz e, o pasado ano, a escritora Marilar Aleixandre que se converteu na primeira muller en gañar o premio de literatura infantil e xuvenil da Deputación da Coruña.