Atención! Este sitio emprega cookies e tecnoloxías similares.

Máis información

Acepto

En cumprimento do artigo 22.2 da Lei de Servizos da Sociedade da Información e conforme ao disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de dicembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal e demais normativa ou recomendacións que resulten de aplicación (tales como a Guía de Cookies da Axencia Española de Protección de Datos-AEPD), DataLib Servizos Documentais, S.L. informa aos usuarios da web de que o acceso a este sitio implica a utilización de cookies.

Unha cookie é un ficheiro que se descarga no seu ordenador ao acceder a determinadas páxinas web. As cookies permiten a unha páxina web, entre outras cousas, almacenar e recuperar información sobre os hábitos de navegación dun usuario ou do seu equipo e, dependendo da información que conteñan e da forma en que utilice o seu equipo, poden utilizarse para recoñecer ao usuario. Tal como recolle a "Guía sobre el uso de las cookies" da AEPD, segundo a finalidade para a que se traten os datos obtidos a través das cookies, podemos distinguir entre:

- Cookies técnicas. Son aquelas que permiten ao usuario a navegación a través dunha páxina web, plataforma ou aplicación e a utilización das diferentes opcións ou servizos que nela existan como, por exemplo, controlar o tráfico e a comunicación de datos, identificar a sesión, acceder a partes de acceso restrinxido, recordar os elementos que integran un pedido, realizar o proceso de compra dun pedido, realizar a solicitude de inscrición ou participación nun evento, utilizar elementos de seguridade durante a navegación, almacenar contidos para a difusión de vídeos ou son ou compartir contidos a través de redes sociais.

- Cookies de personalización. Correspondería a aquelas que permiten ao usuario acceder ao servizo con algunhas características de carácter xeral predefinidas en función dunha serie de criterios no terminal do usuario como por exemplo serian o idioma, o tipo de navegador a través da cal accede ao servizo, a configuración rexional desde onde accede ao servizo, etc.

- Cookies de análise. Son aquelas que permiten ao responsable das mesmas, o seguimento e análise do comportamento dos usuarios dos sitios web aos que están vinculadas. A información recollida mediante este tipo de cookies utilízase na medición da actividade dos sitios web, aplicación ou plataforma e para a elaboración de perfís de navegación dos usuarios de ditos sitios, aplicacións e plataformas, co fin de introducir melloras en función do anlaíse dos datos de uso que fan os usuarios do servizo.

- Cookies publicitarias. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíra nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado en base a criterios como o contido editado ou a frecuencia na que se mostran os anuncios.

- Cookies de publicidade comportamental. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíse nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado. Estas cookies almacenan información do comportamento dos usuarios obtida a través da observación continuada dos seus hábitos de navegación, o cal permite desenvolver un perfil específico para mostrar publicidade en función do mesmo.

As aplicacións de terceiros nos prestan o servizo de medición e análise da audiencia das páxinas da nosa web, descarga de vídeos e documentos, facilitar e monitorizar a conexión e a publicación de contidos entre a web de Fervenzas Literarias e redes sociais como Facebook, Twitter, Linkedin...

A información que obteñen está relacionada co número de páxinas visitadas, idioma, rede social na que se publican as nosas novas, cidade ou rexión á que está asignada a dirección IP dende a que se accede, o número de novos usuarios, frecuencia, tempo e reincidencia das visitas, navegador e operador ou tipo de terminal dende o que se realiza a visita.

Asimesmo elas mesmas poden utilizar estes datos para mellorar os seus propios servizos e para ofrecer servizos a outras empresas. Pode coñecer eses outros usos dende as ligazóns indicadas.

O control das cookies instaladas no seu equipo debe facerse mediante a configuración das opcións do navegador que use:

En cumprimento do establecido no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Personal (en adiante, LOPD), informámoslle de modo expreso, preciso e inequívoco que a información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador será utilizada coas seguintes finalidades: identificar a sesión e acceder a partes de acceso restrinxido.

Os destinatarios da información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador serán as seguintes entidades: O editor responsable da web e responsable do tratamento: DataLib Servizos Documentais, S.L.

Criticalia (Sotelo Blanco) de Armando Requeixo

Rate this item
(21 votes)

Entre os diferentes elos que conforman un sistema literario probablemente un dos máis controvertidos sexa a figura do crítico literario. Loados ou desdeñados segundo zoe o vento, ninguén nega o valor fundamental da crítica ou crítico como figura intermediaria entre o libro e o lector; e entre as críticas e os críticos significativos cos que contamos no país está Armando Requeixo, quen ven de presentar recentemente Criticalia (Sotelo Blanco), unha obra onde o crítico e investigador mindoniense peneira os seus vinte anos neste mundo.

Pero Criticalia non só é un volume referencial, senón que para o lector vaise converter nunha apaixoante viaxe literaria onde Armando Requeixo nos levará por moitos dos libros máis significativos destas dúas últimas décadas.

 

 




Profesor e investigador, Armando Requeixo comeza a facer crítica literaria con dezanove anos. Con que vontade se embarca vostede nese mundo crítico que arriba agora coa publicación deste Criticalia?

Eu fun, dende sempre, un lector voraz. Uniuse a iso a presenza, nunha idade temperá, dun feixe de profesores que viron en min un bo lector, esixente e curioso. Eles animáronme a poñer por escrito algunhas das lecturas que eu facía daquela, dun xeito totalmente amador (claro). Esas mesmas persoas, onde destacaría de maneira sobranceira a Claudio Rodríguez Fer e a Luís Alonso Girgado, favoreceron que esas recensións primeiras puidera facelas chegar a algúns dos suplementos literarios galegos de xornais e revistas especializadas que había naquel tempo, como as páxinas do “Táboa Redonda” de El Progreso, as de “Edición 7” de El Correo Gallego, as páxinas de cultura do semanario A Nosa Terra...

 

Criticalia recolle vinte anos de traballo crítico e máis de duascentas cincuenta recensións. Como foi o traballo de escolma e o proceso de selección dos textos recollidos neste volume? Porque de cantas recensións poderiamos falar asinadas por vostede ao longo destas dúas décadas?

Foi un traballo de escolma por decantación tras, como dis, de vinte anos de traballo crítico.

Despois de todos estes anos os textos que dás a coñecer van sendo considerables. Cando decidín por en conxunto estes anos de traballo contactei con Sotelo Blanco e a primeira idea era publicar absolutamente todo. Evidentemente resultou inviable polo volume resultante. Entón decidimos, por parte dos editores e mais da miña, facer a escolma que aparece en Criticalia. Os preto de trescentos textos presentados neste libro veñen sendo máis ou menos un terzo do que publiquei ao longo destes anos. Bota ti contas de cantos poden ser!

Que criterios manexei para escolmar isto? O primeiro que tiven que facer foi volver lerme, o que me causou moito pudor, sobre todo os primeiros textos, de cando andaba polos dezanove ou vinte anos.

Entrando de cheo en consideracións técnicas, hei de dicir que ao longo dos anos, evidentemente, recensionas moitos libros. Sobre algúns vertín opinións moi positivas, doutros libros fixen pequenas matizacións críticas e houbo outros sobre os que escribín críticas severas e incluso puntualmente incisivas. De todos os xeitos, dende o principio sempre me marquei uns límites polo baixo. Quero dicir, se hai un libro que non ten uns mínimos non o comento. Non desperdicio espazo publico con algo que non teña un mínimo de calidade; e teño que dicir que, desgraciadamente, cada ano publícanse algunhas ducias de libros así. Que non chegan nin sequera aos mínimos.

A meirande parte dos libros son os que teñen luces e sombras. Aí é onde entra o labor do crítico para identificar na súa lectura cales son para el os acertos e os erros do texto; ten que poñer marcadores para que o futuro lector saiba o que se pode atopar.

Finalmente, están esoutros volumes de grande interese que a crítica ou o crítico saúdan con gozo e mesmo pracer por dar noticia deles, para que a xente que queira se achegue a coñecelos.

Cando revisei todo ese material acumulado conformado por centos de textos o que tiven claro dende o primeiro momento é que Criticalia debería desbotar todos os textos que non denotasen un auténtico fulgor e recoller as críticas dos libros que, ao meu entender, foran bos ou moi bos, deixando fóra os textos medianeiros. A miña intención con Criticalia era que o libro resultase non só un mapa de lecturas, senón que, ademais, se puidese consultar como unha especie de canon lector ou biografía lectora do que, sempre dende a miña opinión, fora o máis importante ou de máis relevo das nosas letras.

Outro criterio na escolla, e de igual peso que o sinalado anteriormente sobre a aptitude dos libros recensionados, foi a calidade na crítica. Escollín deliberadamente aqueles textos onde penso que dei o mellor de min como crítico; eses textos onde fun capaz de expresar mellor as bondades literarias dos libros comentados.

En resumo, poderiamos dicir que da suma dos textos que eu pensei que eran mellores máis os textos considerados como boas recensións dende o punto de vista da crítica naceu este Criticalia de papel.

 

Vaia por diante a redundancia, pero, critícase en Galicia a belixerancia dos críticos cara aos autores. Vivimos nun país pequeno, onde practicamente todo o mundo se coñece. Atopades os críticos e críticas do país algunha falla de liberdade no exercicio do voso labor?

Os que nos dedicamos asiduamente á crítica neste país ao longo do ano podemos contarnos entre a ducia e a ducia e media, ao sumo. Un lector atento á prensa, aos suplementos especializados, aos blogs ou páxinas web coñece cal é o oficio e o estilo de cada un de nós e é certo que hai compañeiros e compañeiras con fama de ser máis incisivos, outros que están a medio camiño e outros con reputación de ser máis benevolentes ou positivos no seu labor crítico.

Eu creo que esa disparidade de comportamentos ten moito que ver co que falabamos antes, con como concibes ti o teu oficio. Nun artigo de Grial que titulei, creo que transparentemente, “Crítica literaria: problemática e actitudes”, deixei escrito xa que o crítico pode pensar que os seus comentarios van ter un efecto búmerang. Non sería de recibo que eu xulgase o que fan os meus compañeiros, creo que cada un decide o que quere facer, pero no meu caso sempre escribín o que pensei que debía de escribir; e ese comportamento tróuxome por unha banda moitas alegrías e por outra algunha que outra incomprensión, incluso enfados por parte dalgunha xente que non entendeu algo que para min é básico: que unha cousa son as relacións persoais e outra é o exercicio libre da crítica literaria. Referido a iso fixen un xogo de palabras nun volume colectivo que publicou a AELG onde o sintetizo: Un crítico sen sentido crítico é un crítico sen sentido. Isto, que para min é un axioma fundamental, quizabes non sexa compartido por todos.

Igualmente, supoño que haberá xente que cae polos extremos. Cónstame que hai críticos que pensan que nun país pequeniño como o noso, onde máis ou menos nos coñecemos todos, a crítica debe de cargarse polo lado positivo e facer valoracións e comentarios vendo sempre o vaso medio cheo. En sentido contrario, tamén está a tentación, moi forte, de sucumbir a unha deriva perversa. Polo xeral, unha mala crítica, engadindo incluso un punch de agresividade, vai crear un eco mediático moito maior que unha crítica compensada onde se mostre o positivo e o negativo.

Críticas benevolentes ou agresivas á marxe, o peor para os autores é a invisibilidade. Moitos cos que tiven a oportunidade de falar sobre isto comentáronme que prefiren incluso unha mala crítica ao silencio. Para un creador o máis duro é que a súa obra pase desapercibida e que ninguén preste atención a un título seu. As creadoras e os creadores dedican moito tempo e esforzo, ás veces anos, e que poñas un libro no mercado e que ninguén fale del, que ninguén o valore... Eu podo entender que é moi duro e que se pase mal cando o teu labor pasa totalmente desapercibido.

Tendo unha visión global dos textos reunidos neste Criticalia comprobamos que estética e estilisticamente as críticas se transforman. Non están tratados por igual, baixo eses conceptos, os diferentes xéneros literarios.

Eu percibo que, cando fago un comentario, inevitablemente vexo impregnado o meu estilo polo da obra que recensiono. Por chamalo dalgún xeito sería un proceso de osmose. Cando escribo unha crítica, por exemplo a dun poemario, é doado que o meu texto se adorne, que teña unha pegada máis lírica. Se a obra é unha novela cun ritmo trepidante probablemente o comentario tamén reflicta en paralelo ese mundo. Sen perder o punto de vista do que estás informando, o meu estilo colórase do texto creativo do que parte.

 

Seguindo o fío da pregunta anterior: que importancia ten para vostede o estilo literario dentro da crítica?

Coido que un crítico ha de ter unha voz. Nós somos creadores; sen querer enredarme moito, algúns teóricos utilizan o termo creación de segundo grao para o ensaio crítico, entendendo que a de primeiro grao lle corresponde á ficción. A historia da literatura móstranos estupendos escritores que tamén foron magníficos críticos. Velaí están Bernard Shaw, Oscar Wilde ou T.S. Elliot no mundo anglófono; pero tamén os hai no castelán e no galego, como Ricardo Carballo Calero, que foi unha referencia nisto. Polo tanto, eu creo que un bo crítico ten que ter un estilo propio como creador. A crítica é un subxénero do ensaio, e o ensaio é literatura; o ensaio é creación. A arxila coa que traballamos é a mesma.

Calquera lector que lea acotío crítica debería de ser capaz de recoñecer o autor desa crítica. Se non pode facelo, se eu confundo as recensións de dous compañeiros, ou un lector confunde unha crítica miña coa doutro crítico, iso significa que en algo estamos errando. Os críticos deberían singularizar o seu labor. Senón, ao lector vaille dar igual quen lle conte as cousas. Daquela, coido que é mérito dun crítico que se lle recoñeza un estilo; pode gustar máis ou menos ao lector, pero é un mérito, xa que lle está a engadir un plus a esa crítica.

 

Un dos aspectos máis interesantes de Criticalia son as referencias sobre eses libros que denomina vostede “de fondo”, procedentes da sección homónima de A Nosa Terra. Libros que, sen ser novidades, manteñen un interese literario perenne.

Traballei nesa sección ao longo de varios anos e sentinme moi a gusto nela. Hai que ter presente que o traballo fundamental do crítico é amosar ao lector comentarios das últimas novidades literarias. Porén, un dos grandes problemas que ten calquera sistema literario é o presentismo. Cando un libro ten algunhas semanas é cruelmente desprazado dos andeis das librarías, das recomendacións lectoras, das bibliotecas...

Grazas a esa sección que me ofreceu Manuel Veiga puidemos volver traer a un primeiro plano libros que quedaran arrombados ou case arrombados nunha especie de esquecemento ou limbo. Veiga díxome que o que pretendía de min non era recensionar novidades, xa que había compañeiros e compañeiras que xa estaban facendo iso no mesmo medio. El quería que me encargase de recuperar textos de había quince ou vinte anos, grandes textos e títulos dos que ninguén ou case ninguén se lembraba xa. El tamén lle puxo o nome a esa sección: Libros de fondo, e eu sempre lle estarei moi agradecido por deixarme levala. Moitos deses libros recensionados están agora neste Criticalia e a min permitiume coñecer novos libros, tratar libros publicados antes de principiar eu no mundo da crítica, homenaxear a autores, reler libros, revisitar textos... Dalgún modo converteuse nun convite público para o achegamento a eses títulos. A verdade é que boto de menos esa sección e creo que lle faría moito ben aos medios galegos ofrecer ao lector un escaparate con esas lecturas.

 

Tendo en conta que como persoas tanto o lector coma o editor coma o escritor e, por suposto, o crítico somos subxectivos, tivo vostede nalgunha ocasión problemas con escritores e/ou editores por mor desa subxectividade?

Todo o humano tende, naturalmente, á subxectividade. Agora ben, o crítico ou crítica ten que procurar camiñar cara á obxectividade máxima. Pero, inevitablemente, sempre hai un matiz mínimo, unha físgoa que humaniza o teu labor. Agora ben, ti debes partir dende a obxectividade e argumentar as túas críticas. Esa “obxectividade” conséguese a través da formación, do coñecemento das ferramentas literarias e de ter un caudal de lecturas previas que te sosteñan fundamentadamente. O noso é un traballo moi exposto, e non tanto pola subxectividade, senón por ser un traballo de xuíz. Pode ser ingrato, ao igual que pasa cos árbitros de fútbol. É irremediable que todos os creadores teñan o seu corazón e o seu ego e, cando ti estás a xulgar o seu traballo, o normal é que algunha vez se creen incomodidades, xa que de seguro lles afectará o que escribas. Igual sucede coas editoras, que porán unha grande carga sentimental nas obras que publican amais da implicación comercial, e non van ver con bos ollos unha crítica negativa.

Sobre esas posicións, especialmente a referida ás editoras, coido que é un erro pola súa parte, xa que unha crítica meridianamente severa incluso pode xerar un efecto que atraia o lector para ver se é verdade o que conta o crítico. En todo caso, o que non parece razoable, estatisticamente falando, é que calquera literatura produza, por exemplo, cincuenta novelas ao ano e que todos os críticos do país avalen dun xeito positivo e unánime a meirande parte delas, porque non é crible a ollos do lector. Se eu como consumidor de cine, de teatro ou de calquera outra cousa vexo unha unanimidade constante por parte da crítica especializada, irremediablemente desconfiaría da fiabilidade dese colectivo.

 

Iso podería levarnos á formulación doutra pregunta: cal sería -pois- o papel dos críticos dentro dun sistema literario?

O traballo da crítica camiña en dúas direccións. A primeira delas sería a da crítica inmediata; esa que aparece nos medios de comunicación: a “crítica de novidades”. Logo estaría a crítica académica, visible especialmente nos círculos académicos ou especializados. Estas críticas versarían sobre textos máis clásicos ou que teñen un recendo epocal.

As dúas son interesante e necesarias, ademais de ser complementarias. Na crítica máis inmediata traballas cun material novo, que aínda está por valorar e por calibrar; mentres que coa crítica académica dáse un último empurrón para o canon.

A crítica inmediata, esa crítica de actualidade, ten un cometido fundamental que é o de actuar de zahorí, de sommelier, porque hai que detectar aquilo que é susceptible de ir pasando co tempo, por decantación, a formar parte do canon. O crítico debe, por unha banda, informar os lectores e, por outra, ir escolmando aquilo que, ao seu xuízo, debería de quedar nesa listaxe de textos canonizados.

Hai xente que traballa fundamentalmente na crítica académica que non ve con moi bos ollos –e incluso ás veces amosa un ápice de desprezo- a crítica de novidades. Eu dedícome a ambas as dúas e podo dicir que por veces a crítica inmediata é máis difícil que a académica. É moi doado dicir que Celso Emilio Ferreiro é un grandísimo poeta ou que A esmorga é unha magnífica novela cando se valora a touro pasado. Máis difícil é aseverar, no día de hoxe, que esa novela de Luís Rei Núñez ou aqueloutra de Antonio Reigosa son magníficas e que o tempo che dea a razón.

 

Nos últimos anos levamos un goteo incesante e perverso de peche de medios de comunicación, co que tamén se apaga a voz dos críticos. Paralelamente a isto vemos un salto á Rede, coa apertura de diferentes espazos individuais onde exercer a crítica, mesmo no seu caso con Criticalia dixital.

É innegable que estamos a vivir tempos ben difíciles para a cultura en lingua galega en xeral e, por suposto, tamén para a visibilización da súa literatura nos medios de comunicación tradicionais: prensa, radio e televisión. Así que é verdade que o peche de xornais e semanarios sensibles á cultura expresada no noso idioma fixo que os espazos para dar noticia das novidades literarias quedasen reducidos á mínima expresión. Por fortuna, o mundo da Rede está a converterse nunha plataforma poderosa e libérrima para a proxección da escrita de ficción en galego e a súa crítica.

O meu blog Criticalia naceu con esa intención, a de servir de escaparate crítico da nosa literatura ao lectorado interesado nela, sumando os meus esforzos aos doutros compañeiros que tamén traballan nesta liña. Neste sentido, debo dicir que estou moi satisfeito coa atención que, dende o principio, prestaron os internautas ao Criticalia dixital. O seu apoio transmíteme azos renovados e anímame a seguir laborando día a día na mellora dos contidos.

 

Que diferenza hai entre a crítica para os medios escritos de corte tradicional e a dixital e o xeito de enfrontarse a elas? Mudou a escrita da crítica nestes últimos vinte anos por mor dese mergullo no dixital?

Non é doado contestar brevemente estas cuestións. De feito, no portal Redelibros publiquei hai uns meses un artigo que titulei, precisamente, “Crítica literaria galega 2.0, ciberensaio e blogocrítica” onde tentaba dar resposta a estes interrogantes. Resumindo moito o que alí dicía, eu entendo que si que existen trazos que singularizan a crítica dixital da que non o é. Fundamentalmente no que se refire a unha estilística distintiva, unha extensionalidade propia e as posibilidades que ofrece a través da hipertextualidade explorativa. Pero ben, co pasar do tempo supoño que isto irá sendo percibido por todos máis claramente.

 

  Milladoiro (Ames). Xaneiro 2012

Buscar en De actualidade >

Axenda >

Lun Mar Mer Xov Ven Sab Dom
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31

Nestes días >

No upcoming event!

Exposicións >

No upcoming event!