Print this page

O libro que arrasa en Francia e as memorias do fundador de WikiLeaks, en galego

Rate this item
(0 votes)

Axiña teremos dúas novidades editoriais que están a influír e que sen dúbida marcarán o pensamento futuro da sociedade occidental.

Por unha banda Faktoría K de Libros publicará Indígnate, de Stéphane Hessel, un panfleto (no bo sentido da palabra) de 32 páxinas do que se venderon preto de dous millóns de exemplares en Francia e que vai saír publicado nunha vintena de linguas. En galego terémolo nos primeiros días de marzo ao prezo de 5 euros. O escritor Manuel Rivas asina o prólogo desta obra directa, reivindicativa e axitadora cuxo autor, un veterano supervivente da barbarie nazi, se dirixe -aos seus recios 93 anos- á sociedade en xeral, e á mocidade en particular, para que reaccione ante a inxusta realidade social, económica, política e medioambiental. A tradución de Indígnate!, a cargo de Fernando Moreiras, complétase coa achega de Marc Taeger no deseño da capa.

Por outra banda 2.0 editora publicará as memorias de quen sen dúbida foi un dos personaxes do pasado ano, o xornalista australiano Julian Assange, fundador de Wikileaks. Assange explica nas súas memorias a filosofía que inspira Wikileaks e a súa organización, extraterritorial e revolucionaria.