O ilustrador catalán Javier Pastor Díaz é o gañador da X edición do premio "Pura e Dora Vázquez de Ilustración Infantil e Xuvenil", que convoca a Deputación de Ourense.
O xurado -que adoptou por unanimidade a súa decisión- destacou da obra premiada "a súa forza visual" e o "uso moi expresivo do collage dixital". Asemade, valora sinaladamente que se trata dunha "composición con gran dinamismo", axeitada para o segmento de idade ao que vai dirixida a narración, e tamén subliña a "modernidade e o cromatismo da ilustración", a cal, "reforza e potencia o texto, conformando un conxunto agarimoso, moi axeitado para o público infantil". Este xurado estivo composto polo deputado de Cultura da Deputación de Ourense, Avelino García Ferradal, e integrado polos vogais: Eva Torres, directora do Museo Municipal de Ourense; Carlos Costoya, pintor; os ilustradores David Rubín e Xoán G. Baltar, e pola gañadora na modalidade de narración, Ángela Fernández Rey. Como secretario actuou o responsable de Comunicación da Deputación de Ourense, Fernando R. Méndez.
O certame "Pura e Dora Vázquez" acadou este ano un récord de participación de todas as edicións celebradas ata o momento, con 60 obras rexistradas, procedentes de Galicia, Andalucía, Cataluña, Madrid, País Vasco, Navarra, Valencia, Baleares, Portugal, Arxentina e Italia.
Os traballos de ilustración, de diferentes estilos e temáticas, baséanse no texto gañador do premio de narración Por que está triste Miañas?, da escritora Ángela Fernández Rey.
O premio "Pura e Dora Vázquez de Narración e Ilustración Infantil e Xuvenil" ten como obxectivo fomentar a lectura no público máis novo e á vez recoñecer o traballo de autores literarios e artísticos, unindo na obra premiada estas dúas disciplinas creativas. O libro incluirá o texto gañador e as ilustracións escollidas polo xurado, e empregarase como elemento de difusión e divulgación en campañas de animación á lectura.