Print this page

Héctor Cajaraville faise co premio Raíña Lupa de LIX

Rate this item
(0 votes)
Héctor Cajaraville Héctor Cajaraville Fonte: Xerais

O xurado da décima edición do Premio de literatura infantil e xuvenil “Raiña Lupa”, convocado pola Deputación da Coruña, decidiu premiar a obra Vidas cruzadas do escritor Héctor Cajaraville Araújo.

O xurado destaca, por unanimidade, que Vidas cruzadas trata un tema actual, con ingredientes abondo para atraer o interese dos lectores e lectoras: emoción, intriga, misterio, mais tamén tenrura, dinamismo, vitalidade; a boa construción das personaxes, con personalidades complementarias, que empatizan co público mozo, o sentido do humor, o carácter interxeracional e o final circular son outros alicientes desta obra.

O xurado estivo composto por Paz Castro, Mª de las Mercedes Cerdeira Uría, Esther Gómez Suárez, Begoña Llamosas Albizu e Fernando Molezún Rodríguez, actuando como presidente Xosé Regueira Varela, deputado presidente da Comisión de Cultura, Turismo e Patrimonio Histórico-Artístico e como secretaria Mercedes Fernández-Albalat Ruiz, xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes.

Á décima edición do Premio Raiña Lupa presentáronse 27 obras. O nome de Héctor Cajaraville engadirase a unha listaxe de gañadores que inaugurou Agustín Fernández Paz con Cos pés no aire en 1998. Desde entón, Mario Pereira, Antonio Reigosa,Xosé A. Neira Cruz, Breogán Riveiro, Antonio Yáñez, Carlos López, Marcos Calveiro e Xesús Fraga sumáronse ao grupo de autores premiados co Raiña Lupa da Deputación da Coruña.

Escritor e xornalista, Héctor Cajaraville presentouse no mundo literario este mesmo ano, ao gañar o Premio Xerais coa novela De remate nunha edición na que outra novela da súa autoría, Quen dá a quenda, foi finalista no Premio Merlín.