Print this page

Urueña

Rate this item
(2 votes)

Conducía de volta a casa pola A6. Lembrei uns versos de Machado e sentinme Caín atravesando a meseta... e a día de hoxe non sei moi ben se foi un soño ou se foi real...

Conducía de volta a casa pola A6. Lembrei uns versos de Machado e sentinme Caín atravesando a meseta... e ao capelexar un par de veces, como acordando dun soño, atopeime de súpeto andando baixo o limiar dunha fermosa vila amurallada, encravada entre o todo e a nada dunha agora verdecente Terra da Campos. Rúas empedradas baixo o ardente sol de Castela -moi preto de onde os comuneiros soñaron e rememoraron heroicas fazañas irmandiñas- atravesaban cunha amorfa harmonía a urbe medieval onde o tempo parecía vivir de costas á vertixe e á velocidade que goberna as nosas vidas.

Tomaba unha cervexa á beira da terraza dun bar cando me estrañei ao ver como cruzaban diante de min, dun en un, de dous en dous, ou en grupos, a nenos e nenas, a mulleres e a homes, con cadanseu sorriso esculpido na cara mentres portaban nas súas mans ou en bolsas libros e máis libros. Ao meu carón unha rapaza folleaba diante do seu mozo un libro de Leopoldo Panero e imaxinei esa noite, cando deitados un ao carón doutro, el lle recitase Todo o meu corazón, ascua de home/inútil sen o Teu amor, sen Ti baleiro/ na noite Te busca,/e sinto que Te busca, coma un cego, que estende ao camiñar as mans cheas/ de anchura e de alegría. Daquela pensei nun soño, ou de ser vítima da broma dun malfadado trasno. Mirei ao ceo na busca dunha resposta, e ao non ver nin escoitar nada repliquei en sentido contrario, sabedor dunha solución máis doada, para tropezar cunha frecha cravada no chan. Intrigado, seguina con curiosa expectativa, dando de bruzos cunha libraría ateigada de xente. E logo vin partir outra frecha, máis outra, e outra. E sempre a mesma meta.

Aletargada no espazo e no tempo, hai catro anos Urueña converteuse na primeira Vila do Libro da península e na undécima europea. Transfigurou nun lugar onde a palabra Libro escríbese en maiúsculas, un pequeno mundo onde cada edificio, cada igrexa insírese dentro dunha páxina. Once librarías, museos e un centro de interpretación do libro conviven cos seus pouco máis de 200 habitantes... acompañados polos miles de visitantes que se achegan cada ano ata Urueña. Recitais, actividades, cursos, simposios, contacontos, exposicións... Unha vila que por enteiro abrangue calquera tipo de actividades e ten ao libro como epicentro da vida social.

Urueña é unha forma de vida, unha forma de turismo, unha nova forma de  achegarse ao libro e á lectura. É ver renacer do esquecemento, da soidade, a aldea morta, a aldea esquecida. É conxugar nun mesmo todo literatura e mercado.

Alguén se anima en Galicia?