Print this page

Os Xerais, máis que un premio

Rate this item
(1 Vote)

O 2008 vai ser un ano de aniversarios, o Consello da Cultura Galega cumpre 25 anos, a editorial pontevedresa Kalandraka chega aos dez, cúmprense cen anos dende o pasamento de Curros Enríquez e outros 50 do de Luís Pimentel. Tamén celébranse os 25 anos do Premio Xerais de novela.

Deste xeito, o Xerais de novela confírmase como un dos premios de narrativa de máis arraigo e transcendencia do país, tanto en calidade como en dotación económica. Desde que en 1984 o escritor e xornalista Carlos G. Reigosa acadara o galardón co primeiro caso do excéntrico detective Nivardo Castro en Crime de Compostela -auténtico best-seller galego-, autores da talla e bagaxe de Darío Xohán Cabana, Carlos Caneiro, Luís Rei Núñez ou Teresa Moure fixéronse co prezado galardón que se entrega no solsticio de verán nese entorno incomparable que é o da Illa de San Simón, onte testemuña pasaxeira de paixóns relixiosas e militares e en cuxas beiras escóitase hoxe o rebumbio dos agrúos que entoan as letras galegas en alborada.

O Xerais é moito máis que un premio literario. Ten un aquel de berce editorial. Lembremos As horas de cartón, opera prima de Lois Xosé Pereira, que un ano despois sería premiada pola Crítica Española. Lembremos tamén Cardume, flamante obra gañadora o pasado ano, xermolo exitoso para unha Rexina Vega que promete darnos máis alegrías literarias nun futuro próximo.

Para os autores mencionados anteriormente o Xerais foi o punto de partida, a outros serviulles como medio para asentar a súa carreira literaria, como confirmación da súa posición como escritor. O Xerais como lauro deses segundos ou terceiros libros de Carlos G. Reigosa, de Inma López Silva, de Xosé Ramón Pena, de Alfonso Álvarez Cáccamo ou de Manuel Seixas. Tamén foi inmellorable escenario de entrada no mundo narrativo de autores que tocaron outros paos, como Fernández Naval, cuxo O bosque das antas, a súa primeira novela tras dous poemarios foi galardoado en 1988. Ou Luís Rei Núñez, que con Expediente Artieda introdúcese na narrativa tras publicar os seus primeiros libros de ensaio e poesía. Tampouco é esquecido por escritores de longa traxectoria e acreditado prestixio como o lucense Darío Xohán Cabana -polo de agora o único gañador por dúas veces-, ou Marilar Aleixandre, ou Xoán Bernárdez Vilar, ou Xosé Fernández Ferreiro.

Outro dos méritos que lle podemos outorgar ós Xerais é a súa condición de creadores de best-sellers e long-sellers, como queda demostrado nas catorce edicións de Crime en Compostela, as dezasete de Galván en Saor, as dez de Agosto do 36 ou as once de Morning Star, como destacables son as cinco edicións saídas do prelo de Herba Moura desde o 2005. Cifras indubidablemente difíciles de acadar no panorama literario galego en literatura para adultos.

Inda así, ó Xerais quédalle un obxectivo por cumprir. Recoñecido é o seu prestixio nos ámbitos culturais do país. Sen embargo, fáltalle ese último impulso para se acercar á grande parte da cidadanía, da sociedade galega. Bótase en falta ese impacto que teñen outros premios como o Planeta. Esa falta de compromiso dos xornais e radios para ofrecer unha maior e extensible cobertura do evento. Esa equiparación por parte da televisión pública galega con outros actos como a recente Festa do Cocido de Lalín. En definitiva, a responsabilidade e o apoio dos medios de comunicación públicos e privados cara a cultura galega. Unha difusión que achegue ao público a importancia do libro, da literatura, da cultura en xeral. Que saia nos medios ocupando os seus espazos máis importantes, que os cidadáns sintamos ó libro galego como identidade propia, de pobo, como noso.