Print this page

Non quero volver a unha biblioteca

Rate this item
(0 votes)

Non quero volver a unha biblioteca. Estou cansado de vagar neses almacéns cheos de libros. Dáme moita pereza devolver un libro con este sol tan radiante sobre a miña cabeza e moito menos quero ir buscar ese libriño de poemas tan bonitos con estes chuzos que están caendo.

Quero que se borren do mapa todas as bibliotecas. Non, non, non. Non quero volver a unha biblioteca nunca máis.

Quero borrar a palabra biblioteca do diccionario, quero modificala, estirala, golpeala. Quero transformar a biblioteca, non quero catro paredes con andeis cheos de libros. Quero transformala, quero ler un libro e tomar un café mentres paso unha tras outra as follas. Quero ter un libro na man mentres contemplo unha exposición. Quero transformar a biblioteca, quero convertela nunha gran paraxe onde poda reunirme.

Gustaríame rachar coa definición de biblioteca, non máis edificios onde está reunido un conxunto grande de libros. Nese lugar eu quero ver un filme, e ir á sala adxacente e contemplar unha exposición, e ir á seguinte sala onde un escritor me asine o libro que acabo de mercar na libraría que está a man dereita e que nestes intres está a presentar. Que mo asine xusto antes de chegar a tempo de tomar algo cos amigos que me están a esperar na cafetería do fondo. E por suposto, quero coller un libro e devolver os dous que me levei a semana pasada.

A vella biblioteca morreu. O peor de todo é que a xente o sabe e por iso non acude. Non se acerca e non le. Non ten atractivo algún para eles.

Por iso construíamos novos edificios, adaptemos os que xa hai, que se convertan en centros sociais. Enchémolos con cafeterías, cunha sala onde proxecten ciclos de cine e se representen funcións de teatro. Que haxa salas de estudio e reunións para os veciños. Que haxa unha ludoteca para rapaces e pequenos, montemos unha libraría, unha sala con ordenadores. E por suposto, que estean todos eses andeis cheos de libros.

Sabemos que hoxe non é doado competir con todas esas novas formas de lecer. Hai que buscar novas formas de que a xente se acerque ó libro. Temos que propoñer novas motivacións e alicientes para que se vaia á biblioteca. Que colla un libro e que se tome un café. Que cando vaia á reunión de veciños se asome a ver que novidades chegaron este mes.

A biblioteca tense que adaptar ó novo século. Xa non nos vale unha sala onde coller libros ou ler o xornal. Temos que pedir máis ós políticos, que coñezan os nosas necesidades. Esixámolas.