Print this page

Na procura da alma compostelá, unha lectura sobre 'Eles e mais eu'

Rate this item
(0 votes)

Fálase moito de cidades tecnolóxicas, intelixentes, da dixitalización desas cidades... pero moitas veces esquecemos o valor máis importante das mesmas: os cidadáns. As mulleres e os homes que viven nelas, que pasean, que outorgan a vida a esas cidades. E sobre todo, que as singularizan.

A historia dunha cidade non se escribe só cos seus personaxes ilustres. Van ser os personaxes populares quen seguramente dean a dimensión real desa aldea, vila ou cidade nunha determinada época. E isto é o que fai Xosé Luís Bernal, Farruco, en Eles e máis eu, unha biografía íntima e colectiva de máis de 30 personaxes que “compostelanearon” especialmente na segunda metade do século pasado.

Humorista, actor, home da farándula -tal e como se define nesta crónica-, Xosé Luís Bernal é memoria viva dunha Compostela que foi e que non volverá. Testemuña dos seus acontecementos e desas persoas que fican na memoria colectiva pero non nos libros de historia. O Pingaxusta, o Peitiños, O Cholas, Pedriño El Moro ou Juanito O Ferruxe son algúns deses “personaxes entrañables, disparatados, bohemios, estrafalarios, lunaticos, curiosos...” que “o peso do tempo foi devorando”, como describe este cronista de noites, barras e rúas picheleiras.

E como de cabaleiro é sabido, que antes de contar as cousas dos demais, hai que contar as propias, velaí está o “eu” do título. Porque este libro móvese entre a crónica de personaxes e a autobiografía, enlazándose eses dous conceptos ao longo das páxinas do libro. Por iso, Eles e mais eu comeza coa historia de Xosé Luís Bernal e remata falando do seu irmán, o xornalista Diego Bernal, dos pais e do seu Farruco, o personaxe máis sobranceiro saído do maxín de Bernal. Empeza el, pechan os seus, e entre medias, os personaxes dunha Compostela que “é máis máxica do que sabiamos”, como indica Suso de Toro no seu prólogo.

Se de todos é coñecido que Xosé Luís Bernal foi sempre un magnífico contador, na escrita sabe como dirixir os contos, indo cara o humano e o humor. Nese sentido os relatos deste Eles e mais eu lémbranos aos cadriños de Castelao, que a pesares de contar sobre persoas que viviron un tempo “que foi miserábel e cheo de grandes e pequenas miserias” -en palabras tiradas novamente do prólogo de Suso de Toro-, desa imaxe de penurias, de seres marxinados dunha Compostela en branco e negro, que precisan de especial apoio, Xosé Luís Bernal é quen de concedelo xentilmente, a través dunha nota humorística que alivia ao lector. Bernal consegue nos relatos deste libro un equilibrio entre o sentimento fondo, a tenrura e o humor.

O humor é o fío de cor que tece as historias e os sucedidos que se narran neste libro. Nada é intocable cando se trata do humor, aínda que iso lle ocasionara moitos problemas, ben no colexio xunto ao director Manuel Peleteiro, con Franco ou na mili onde tivo que pedir a mediación do cardeal Quiroga Palacios. Ou ben no laboral, cando percorría Galicia enteira cos seus personaxes. Xosé Luís Bernal é quen de sacar un sorriso a situacións dramáticas. Manuel Rivas dicía que o ADN do galego componse de ironía e melancolía, e moito diso hai nestes retratos humanos de Bernal.

Estou seguro que estamos ante un libro sobre Compostela pero non é só para composteláns. Aínda que certamente está ambientado en Compostela, Eles e mais eu non deixa de ser un libro de historias. E a todas e a todos gústannos escoitar e ler historias. E certamente, se nolas contan como fai Xosé Luís Bernal, a satisfacción é máxima.