Dende sempre admirei a creación e a difusión cultural que se realiza a nivel local ou comarcal. Artéllanse pezas de puzzle que nos permiten gozar da diversidade, que se abren para nos ofrecer unha visión global. Un convite á amatoria das pequenas cousas; esas ás que achegamos delicadamente a punta dos dedos co temor de que se evaporen ao contacto máis ínfimo.
Na literatura tamén temos esa fragmentación, que conforman unha especie de orde dentro do caos. Son diminutos anacos, que ou ben son nosos ou facémolos nosos ao mergullarnos nas súas palabras, tecendo unha complicidade dende a curiosidade e a fascinación que nos produce o alleo. Quero lembrar agora as múltiples revistas e publicacións literarias nadas ao abeiro dunha terra, dunha brétema, dun sentir de seu. Asistimos a un conxunto de voces que son unicamente anónimas cara onde miramos dende atalaias lonxanas e, sen embargo, forman parte dunha paisaxe, e as súas verbas e os seus versos son xermolos dun proceso de sementeira de séculos. En verdade que é unha cousa admirable, non si?.
Ven toda esta reflexión por mor dunha publicación que chegou as miñas mans hai xa unhas semanas por mediación dunha desas persoas cuxas raíces chantan e enguedéllanse no máis profundo dunha terra, Ramirás, en terras de Celanova. Estou a falar de Xoán Carlos Domínguez Alberte, coordinador de Vieiros de palabras. Terra de Celanova-Baixa Limia en letras de autor, unha escolma de textos de autores vinculados a este espazo ourensán convertido aquí en mundo propio. Lanzamos o trasmallo polas súas páxinas e recuperamos voces abondo coñecidas como as de Baldo Ramos, Xurxo Sierra Veloso, Ramón Nicolás ou Francisco López Barxas. Ao seu carón repousan os textos doutras e doutros autores que, se ben non son tan coñecidos, comparten cos primeiros lugares e tradicións. Velaí a importancia deste volume, o valor que teñen estas publicacións que nos permiten outear dende outros faros esta fermosa terra. Un convite ao que nos é imposible negarnos e convertémonos, etérea e emocionalmente, en parte da súa terra.
Tamén hai que facer louvanza do labor de quen fai posible isto. Neste caso a responsable é un deses pazos de ás e po de historias, un en concreto, a libraría Conde de Celanova.